Malia ir ao chan na última curva, o ciclista da Guarda fíxose co título sub 23 de contrarreloxo.
Aser Estévez, no momento da súa caída
O guardés Aser Estévez proclamouse este xoves campión estatal de contrarreloxo na categoría sub 23, cun tempo de 36 minutos e 21 segundos, malia sufrir unha caída na última curva. Isto non lle impediu rematar cun promedio superior aos 47 quilómetros por hora, avantaxando en 25 segundos ao vasco Garikoitz Bravo, e en 37 ao castelán Arturo Mora, que partía como grande favorito. A carreira rematou na localidade cántabra de Santoña e nela participaron un total de 37 ciclistas.
Estévez confesou que "levaba tempo preparando" o campionato, pero dixo ser consciente de que ía competir con "moi bos rivais". Sobre a súa caída dixo que "nesa curva mirei que ía estragar todo o traballo do ano", mais finalmente rematou acadando a vitoria. O ciclista da Guarta atribúe o trunfo ao "traballo constante" realizado durante todo o percorrido, en que "mantiven unha vantaxe bastante ampla que me permitiu conservar o primeiro posto despois da caída".
Este estudante de historia cumprirá 21 anos o 19 de xullo e está cursando os estudos de Historia, que lle impediron adestrar tanto como lle houbera gustado durante o curso. Aínda así semella que a súa preparación foi axeitada, pero recoñece que "vou ter que comezar a correr moito, agora que chega o verán e remato os estudos". Sobre o futuro, dixo que "a miña idea é seguir cara adiante e ver o que sae".
Antes participará cos outros integrantes da selección galega na proba de ruta que terá lugar o vindeiro sábado dende as nove da mañá. A carreira celebrarase sobre un percorrido de 133 quilómetros, entre as localidades de Ampuero e Santander.