Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA

Sánchez Izquierdo nega censura na CRTVG

O director xeral do medio público atribuíu a unha decisión profesional a supresión da reportaxe sobre as vacas tolas da grella.

Redacción - 19:00 25/06/2009
O novo director prometeu austeridade e negou a censura na CRTVG

O novo director prometeu austeridade e negou a censura na CRTVG

"Rexeito de forma tallante calquera tipo de censura, non a acepto nin no cinema para adultos". Así de contundente se amosou o director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Afonso Sánchez Izquierdo durante a súa intervención en comisión parlamentaria. Así, argumentou que a decisión de non emitir a reportaxe sobre as vacas tolas partiu da directora da televisión pública, Rosa Vilas, quen "barallou a oportunidade das datas" nunha situación de "tensión ética por mor dos ritmos xornalísticos".

Sánchez Izquierdo apelou á preocupación pola situación económica do sector como motivo da decisión e asegurou que "non se recibiu ningunha chamada" para pedir que fora retirado da grella. Deste xeito falou, en todo momento, de "motivos puramente profesionais, aínda que opinábeis".

Mentiu Feijoo?
As declaracións do director do ente público obedecen a unha pregunta da deputada nacionalista, Ana Pontón. A conclusión que tirou o BNG da comparecencia é que a supresión daquel documental sobre as vacas tolas no 2 de xuño obedeceu a unha cuestión "estritamente política", co que se confirma, din, que "Núñez Feijoo mentiu a todos os galegos". A suposta falsidade do presidente do goberno derívase da inexistencia de chamada algunha de ningún sindicato agrario, tal e como informara nun primeiro momento. Tal extremo foi negado, recordan dende o BNG, tanto polas propias organizacións agrarias como agora polo director da CRTVG.

Pola súa parte, o PSdeG denuncia que o Partido Popular "obstaculiza e paraliza" o funcionamento da compañía pública. O voceiro socialista reclamou "o mantemento dunha programación específica no ámbito cultural, como propia dunha canle pública". Ao tempo afirmou que na última etapa, de goberno bipartito, a Compañía obtivo os mellores resultados de cota de pantalla, reduciu o seu déficit en 21 millóns de euros e insistiu en que "se atopa nunha situación notabelmente mellor que en anos anteriores".

Máis austeridade e conflito laboral
Doutra banda, Sánchez Izquierdo anunciou que "meterá as tesoiras" aos gastos da compañía, reducindo nun 20% os altos cargos e en 700 mil euros ao ano os custes de persoal. Asegurou, así, que esta medida se enmarca na xestión de austeridade que se comprometera a asumir para as contas e considerou que unha eventual supresión de publicidade na televisión pública sería un "grave e dramático erro", xa que suporía a perda do 10% do orzamento de cifra de negocios.

No referente á problemática laboral na que está inmerso o ente público, o novo director adiantou que se buscará "racionalidade e un funcionamento operativo", cun organigrama "eficiente e horizontal", así como unha "cadea de mando áxil, ben comunicada e cunha ampla presenza feminina". Así, asegurou que elaborará un informe exhaustivo despois do verán, porque entre outros asuntos, "hai que abordar as 169 demandas formuladas polo persoal temporal".


Ligazóns

1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: