PPdeG, PSdeG e BNG instaron a Xunta a reclamarlle ao goberno español que defina un marco normativo dos estudios e aprobar unha lei que regule "atendendo ás propostas do sector" as atribucións profesionais dos enxeñeiros informáticos.
Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
O obxectivo das tres formacións representadas no Parlamento é que se "recoñeza" a "importancia" desta profesión no desenvolvemento da actual sociedade. Non obstante, os socialistas abstivéronse na votación do terceiro punto desta iniciativa --que si foi apoiado por PPdeG e BNG--, no que os populares reclamaban a tramitación dunha Lei de Creación do Consello Xeral de Colexios Profesionais en Informática.
Trala votación, a deputada socialista Beatriz Sestayo pediu a palabra e xustificou a abstención do seu grupo neste punto baseándose en que, ao seu entender, non se pode instar o goberno español a impulsar unha norma que "xa está en debate e tramitación" no Congreso. No transcurso do debate, todos os grupos coincidiron en sinalar a "relevancia vital" desta profesión en Galiza, cun "elevado" número de profesionais formados en Enxeñaría Informática que, segundo o deputado popular Román Rodríguez, están en clara situación de "inestabilidade" pola falta de regulación competencial. Ademais, o parlamentario do PP resaltou que a "indefinición" nos estudios supón "un hándicap" para o deseño dos graos e máster, con especial incidencia á hora de adaptar á titulación o 'Plan Boloña'. "Temos que presentar esta iniciativa porque José Luis Rodríguez Zapatero non cumpriu", lamentou.
A parlamentaria socialista Beatriz Sestayo coincidiu neste punto e reivindicou a "aposta" do PSOE polas novas tecnoloxías de información. Tamén recoñeceu o "elevado valor" dos profesionais en informática, se ben replicou ao popular Román Rodríguez que en Madrid "si se deron pasos" para acometer a súa regulación. Por último, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, recoñeceu tamén as dificultades que provoca a falta de regulación das atribucións profesionais dos enxeñeiros informáticos, sobre todo, no acceso ao emprego, "cada vez cunha demanda máis baixa". Ademais, o nacionalista advertiu de que "a Xunta tampouco axuda cos seus contratos a Microsoft".