O Comité Xeral do Cooperativismo Agrario entregoulle este premio inédito que non se volverá a ofrecer até o ano 2011.
Á esquerda Xosé Antón Casais, presidente de Feiraco, e no medio Xosé Lois Antuña, director xerente da empresa
Feiraco recibiu este mércores o Premio Europeo á Innovación Cooperativa polo anovamento alimentario ao que contribuíron de xeito decisivo medidas como o leite Unicla. É a primeira vez que se entrega este premio e concédeo o Comité Xeral do Cooperativismo Agrario (Coxeca) representante deste tipo de modelos na Unión Europea, no que participan 40 mil entidades.
O galardón concedeuse no medio dunha cerimonia extraordinaria organizada para celebrar o 50º aniversario de Coxeca e louva a investigación e innovación aplicada por Feiraco coa intención de incrementar a súa produtividade e exclusividade empresarial. Ademais, coa concesión deste recoñecemento o Comité Xeral do Cooperativismo Agrario coloca a cooperativa galega como un modelo para o resto de entidades europeas que pretendan aumentar a súa competitividade.
Unha das medidas que mellores resultados produciu foi o lanzamento, o pasado verán, dun novo tipo de leite especialmente respectuosa co noso aparello cardíaco, e que levou por nome Unicla. Con este leite Feiraco utilizou como vehículo a alimentación natural e saudábel das vacas para acadar leite con graxas moito menos saturadas. O factor diferencial deste innovador proxecto constitúeo o feito de alimentar as vacas con sementes de liño, reproducindo o sistema tradicional de alimentación do gando e alongando o perfil de nutrientes da herba verde durante todo o ano.
O premio recollérono o presidente de Feiraco, José Antonio Casais, e o diretor xeral da cooperativa, José Luís Antuña.