Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
JAVI CAMINO, DIRECTOR

“O cine de terror é case inexistente en Galiza”

O realizador compostelán está realizando a post-produción da súa nova curtametraxe, que pretende ter lista para mediados do mes de xullo.

Pablo García Martínez - 10:00 28/06/2009
Javi Camino

Javi Camino

Despois dos catro anos que pasaron entre que viu a luz A consulta do Doutor Natalio e a chegada da súa ampliación que levou por título Maldito Bastardo, Javi Camino (Compostela, 1982) non descansa e prepara unha nova entrega do seu peculiar cine fantástico. A falta de medios fai que neste caso se trate novamente dunha curtametraxe, que levará por título Un mozo estraño. Precisamente coa idea de contribuír a este nivel de creación, Camino creou con outros dous amigos a produtora Magnetova, que se estrea con este filme. No medio desta actividade creativa están uns estudios de xornalismo a medio facer que non quere deixar esmorecer.

Cando comezaches a afeccionarte ao cine de terror?

Mais ou menos sobre os 11 ou 12 anos. A verdade é que sempre me gustou, pero foi a esa idade cando me afeccionei de verdade, porque xa comezas a ter un pouco máis de autonomía e podes buscar películas pola túa conta. Comezabamos a facer intercambios que, como daquela non había internet, realizábanse principalmente en formato VHS.

E con que idade realizas as túas primeiras gravacións?
Un pouco máis tarde, á volta dos 16. Foi cando comezou a haber cámaras dixitais, porque antes era impensábel poder facer un corto xa que non había soportes baratos. Coa chegada de novas tecnoloxías como as cámaras dixitais e os programas de edición para ordenadores podíamos montar as gravacións na nosa casa e foi daquela cando fixen os primeiros experimentos. Un par de anos despois xa fixen algunhas cousas con máis forma.

Cales pensas que son os directores que máis te influíron, malia que este é un aspecto difícil de calibrar?
Vexo todo tipo de cine, entón poderíamos falar de diferentes autores como Darío Argento, David Lynch e outros grandes como Ingmar Bergman, Francis Ford Coppola ou Martin Scorcese. Despois están outros clásicos cun traballo máis achegado ao cine de autor, como pode ser o caso de Pasolini ou Gordard.

Existen nas túas películas elementos propios da linguaxe cinematográfica do cine de terror?
Realmente o cine de terror ten determinados clixés como o vilán que adoita ter un perfil semellante en moitas das películas deste estilo, ou determinadas situacións que son moi recorrentes. No que fago eu repítense certas cousas, como na película Maldito Bastardo, en que se xoga con varios tópicos do cine de terror. Un exemplo era o da típica parella que está fodendo e de súpeto vén o malo e mátaos. Está claro que este cine ten unha linguaxe particular e eu aplícoo, unhas veces dun xeito máis consciente que outras. Algunhas veces xorde case como unha autoparodia e outras sen darte conta, porque é o cine que máis ves.

Como avalías a situación do cine de terror en Galiza?
Moi escaso, case inexistente. Nos últimos anos saíron máis curtas, principalmente o ano pasado. Aínda así hai moi pouco material en comparación con outros xéneros de cine que están moi presentes no mundo das curtametraxes como son, por exemplo, os filmes de crítica social. Semella que a xente se vai animando cada vez máis e agardemos que pouco a pouco se vaia consolidando un escenario de cine fantástico.

No 2004 rematas a túa primeira curtametraxe, A consulta do Doutor Natalio. Cal foi a motivación desta delirante historia?
Principalmente a necesidade de facer cousas. Daquela andaba buscando argumento para unha curta, entón non é unha cuestión de que algo te sorprenda e penses que poderías facer unha curta sobre ese tema. Esa en concreto xurdiu dun cadro de Jeroen Bosch que se chama "A extracción da pedra da loucura". Esta era unha práctica ancestral que se facía antes consistente en que cando alguén estaba tolo levábano a un barbeiro e este facía un xogo de mans semellando que sacaba unha pedra da cabeza e esta era a causa da súa tolemia.

Maldito Bastardo dá continuidade a esta curtametraxe. Por que decides seguir esa historia?
Ao acabar a curta fóronsenos ocorrendo máis cousas, e como xa tiñamos os actores era fácil atoparlle o punto de partida. Son as mesmas personaxes, nunha historia diferente, xa que quedamos con ganas de explotar máis as personaxes e a estética.

Malia recibir bastantes críticas positivas, con esta película puideches experimentar o difícil que resulta hoxe tirar partido económico deste tipo de cine, non?
Eu penso que co cine de terror é difícil facerte millonario, pero si que tes unha minoría fiel que compra as túas películas, e que se move para verte en festivais. Tamén hai bastantes distribuidoras, aínda que estas están principalmente en Estados Unidos. Non sacas para facerte rico, pero agardo que si para poder facer outras cousas.

Que nos podes contar da curta que estas rematando, titulada Un mozo estraño?
É diferente, porque aposta por unha estética máis realistas e desmárcase un pouco da liña do terror delirante de Maldito Bastardo. Tamén muda a temática, porque vai sobre un acosador sexual que se adica a perseguir a unha moza, e as súas fantasías. É un filme depravado, pero máis realista que os anteriores.

Mantés o equipo co que traballaches nos mencionados traballos ou mudaron os actores?
A maioría do cadro é novo e dos filmes anteriores só Pilar Miguélez fai un pequeno papel. Todo correu moi ben, porque é xente do meu entorno e non son actores profesionais. Gústame traballar con xente que non se adica a isto pero ten a vontade de actuar, porque esta xente é moi fácil de tratar. En primeiro lugar non teñen nada asumido o rol de actor e daquela escóitante moito e déixanse guiar. Por outro lado, como xa os coñeces sabes como tratalos para conseguir o que queres.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



[googlevideos]5660695100130190075&rel=0|310|265[/googlevideos]

A consulda do Doutor Natalio

Trailer de Maldito Bastardo