A deputada Tereixa Paz critica que Medio Rural non desprega medidas reais e efectivas para axudar o sector a enfrontar a crise.
"Son, nin máis nin menos, a concreción das medidas que xa anunciaron o pasado 12 de Maio pero cargadas aínda de máis bombo", avaliou este martes Tereixa Paz. Segundo explicou, o Goberno incluíu nos 110 millóns publicitados o adianto por parte de entidades bancarias do 90% da cantidade que a cada gandeiro lle corresponde polo pago único da PAC, algo que xa cobrarían en decembro –é dicir, non é a maiores- e que ascende, segundo Medio Rural, a 70 millóns. "Polo tanto se restamos estes 70 millóns aos 110 a cifra restante non é tan elevada como a Xunta quere facer crer", subliña.
De paso, chamou a atención sobre o "suposto adianto do pago" para os produtores de carne de vacún por 22 millóns. Aclara Tereixa Paz que "non é tal adianto" xa que o pagamento tería que facerse antes do 30 de Xuño. Neste sentido, quen si realizou un adianto de tres meses e medio, explicou, foi o anterior Goberno, que o pasado 24 de Marzo adiantou o pago do 60% da axuda por vaca nutriz por valor de 11,2 millóns, ficando pendente o 40% restante dos importes fixados polo ministerio con data tope de finais deste mes. "É falso que haxa, por tanto, adianto algún, menten unha vez máis para agochar as súas carencias", censura a deputada nacionalista. Na súa opinión, "fica claro, por tanto, que non hai ningunha achega real de recursos por parte da Xunta, nin hai axudas para dar liquidez, nin tan sequera hai reclamación destes recursos ao Estado ou á UE, as únicas axudas ao final teñen como principal beneficiario o papo das entidades bancarias", explica.