A Asociación de Gaiteiros Galegos edita un manual sobre a construción de palletas e pallóns, baseado nos coñecementos de famosos artesáns.
A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) presentou este luns no Auditorio de Vilagarcía de Arousa o libro O Berce das Palletas, do prolífico artística e profesional Xoán Ramón Marín e que edita o propio colectivo.
Marín, membro da Xunta Directiva da AGG, formou parte dos grupos Xaramugo e Pallamallada, e é autor dos estudos etnográficos Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa e As varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro. Tamén salienta a súa faceta como colaborador e debuxante no Museo do Pobo Galego.
O Berce das Palletas, segundo el mesmo explicou, é un manual sobre a construción de palletas e pallóns para gaita galega, que escribiu e ilustrou baseándose principalmente nos coñecementos adquiridos a través do xa finado palleteiro Herme e doutros famosos artesáns e publicacións sobre a materia.
A presentación do traballo ao público, xa á venda nas librarías, está prevista para esta quinta feira ás 19.00 horas no Auditorio da e-Trad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo), e para o venres ás 20.30 horas no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. O autor falará do traballo e contestará ás preguntas dos asistentes.