Impúxose na final ao seu compañeiro na categoría de dobres, Martín Varela, que viña de eliminar ao principal favorito do torneo.
Álvaro Illobre e Martín Varela, nunha imaxe de arquivo
Álvaro Illobre (primeiro das listaxes estatal e galega, e número 107 do mundo) mantén o bo nivel de forma que leva exhibindo durante todo este ano 2009 esta pasada fin de semana impúxose na final do III Aberto Internacional Ergosaúde que se xogou en Cambre coa presenza de destacados xogadores estranxeiros. Aínda así, a final enfrontou aos galegos Álvaro Illobre e Martín Varela (número 138 do mundo).
Varela chegou até a final despois de eliminar ao británico McCarroll (número 34 do mundo) nun partido en dous sets, mentres que Illobre tivo que xogar un partido de tres sets para desfacerse do tamén inglés Jewitt (número 83 do mundo). Na final Varela gañou o primeiro parcial por seis xogos a un, pero no segundo Illobre repúxose e recuperou o seu mellor tenis. Así impúxose nos dous últimos por seis a dous e seis a un respectivamente para acadar a vitoria final.
Os ingleses resarcíronse nos dobres
Os dous xogadores británicos que perderan nas semifinais contra os galegos resarcíronse na final de dobres, impoñéndose en dous sets a Illobre e Varela. O equipo formado por McCarroll e Jewitt venceu aos galegos por sete a seis, e seis a dous.