Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COLABORACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

A mocidade reforzará a ligazón entre Galiza e Portugal

Bota a andar un proxecto piloto de cooperación entre o Instituto Portugués da Juventude e a Consellaría de Traballo para fomentar a cooperación xuvenil.

Redacción - 14:15 22/06/2009

Fomentar a creación de empresas mixtas galego-portuguesas, fundamentalmente no ámbito do tempo libre e da animación sociocultural; promover o espírito emprendedor e a cooperación entre os máis novos e impulsar a cooperación institucional en materia de xuventude. Estes son os tres grandes obxectivos que se marca "Espazo Xuvenil", un programa plurianual que conta cun financiamento de preto dun millón de euros.

"En momentos de crise, é cando nace o emprendemento social", explica a presidenta do Instituto Portugués da Juventude, Helena María Guimaraes Sousa. De aí o interese de impulsar iniciativas coma esta, que parten co propósito de fomentar o emprego e que pretende beneficiar a máis de 30 mil mozos das dúas beiras do Miño. "É un traballo conxunto que se ven realizando dende 2004", fixemos actividades conxuntas, como cursos de lingua portuguesa, programas de mobilidade...", informa, "pero que agora pretende ser máis ambicioso".

En que consistirá?
A Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, entende que o proxecto se vertebra en catro grandes eixos: "dunha banda elaboraremos un plan estratéxico para a creación de nova actividade económica nesta área de Galiza-Norte de Portugal; en segundo lugar, o propósito é fomentar o espírito emprendedor cunha multiplicidade de actividades dirixidas á xuventude galega e portuguesa". Entre elas atópanse cursos para monitores de tempo libre, encontros xuvenís, eventos culturais ou a creación dunha plataforma e-learning para a formación a distancia. Ademais, o protocolo contempla a posibilidade de que máis de 100 mozos poidan beneficiarse de programas de intercambio en empresas.

O terceiro dos eixos é o de "intercambios e encontros entre mozos galegos e portugueses", explica Mato. O primeiro dos eventos enmarcado neste apartado é o do Filminho, que arrincará xa no vindeiro mes de xullo. Seguiralle, xa na segunda quincena de agosto o campamento Portugaliza. Finalmente, o último dos alicerces nos que se asenta esta iniciativa é o de consolidar as estruturas e servizos adicados á xuventude tanto en Galiza como en Portugal: "converteranse en verdadeiros espazos dinamizadores, crearanse de forma directa máis de 50 empregos, e daráselle un pulo a entidades como poden ser os albergues para xente nova ou as oficinas de información xuvenil".

Portugal como exemplo
No acto institucional de sinatura deste protocolo de colaboración, a conselleira de Traballo tamén asegurou que Galiza contará no futuro cun Instituto de Xuventude parello ao luso: "tomaremos nota do funcionamento e xestión deste modelo portugués", dixo.

Ademais dos gobernos galego e luso, o proxecto tamén conta co apoio doutras institucións e entidades. Entre as galegas, destaca a Confederación de Empresarios e o Consello Galego de Cámaras. Pola parte portuguesa participa o Eures Transfronteirizo Norte de Portugal-Galiza, o Instituto Empresarial do Minho ou o ente Universitario.


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O presidente dos empresarios asina o protocolo en presenza da conselleira de Traballo, o director xeral de Xuventude e a presidenta do Instituto Portugués
O presidente dos empresarios asina o protocolo en presenza da conselleira de Traballo, o director xeral de Xuventude e a presidenta do Instituto Portugués
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, xunto co presidente dos empresarios, Antonio Fontenla
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, xunto co presidente dos empresarios, Antonio Fontenla