A compañía segue mantendo a "idea" de continuar co proxecto, mentres a conselleira do Mar, Rosa Quintana, láiase de que non tivesen comezado antes, para transformar a "deprimida" Costa da Morte.
O presidente de Pescanova, Manuel Fernández Sousa-Faro, asegurou este domingo que o grupo "non deixa a idea" de continuar co proxecto de abrir unha piscifactoría en Cabo Touriñán, no municipio coruñés de Muxía, nun horizonte de "tres ou catro anos".
Fernández de Sousa, en conferencia de prensa tras o acto oficial de inauguración da planta de acuicultura en Mira (Portugal), afirmou que a instalación da localidade lusa é un proxecto "con vida propia", mais sinalou que a súa posta en funcionamento non significa que o grupo "abandone" Galiza.
Así mesmo, recordou que a "única razón" pola que se excluíu" situar a planta en Cabo Touriñán en 2005 foi a alegación do bipartito galego de que construír instalacións como as de Acuinova en Mira supuña romper a Rede Natura.
A Xunta amosa o seu apoio incondicional á apertura da piscifactoría en Cabo Touriñán
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén manifestou a súa "tristeza" ao recordar que Acuinova podía terse inaugurado xa na Costa da Morte, unha zona "moi deprimida", e comprometeuse a "apoiar fortemente" a acuicultura.
"Todo o que sexa a Costa da Morte será prioridade", dixo, porque "Galiza non só ten que ser punteira en produción, senón en investigación e innovación", recalcou.
Así, Quintana asegurou que a Xunta do PPdeG "apoiará" a apertura dunha planta de Cabo de Touriñán, no caso de que Pescanova continúe interesada, e engadiu a necesidade de "sacar da cabeza que a acuicultura non é compatíbel co Medio Ambiente". "Non quero paralizar proxectos", afirmou e agregou que a "os que non encaixen co Plan Sectorial" buscaranlles "unha solución como foron capaces de atopar en Portugal", para permitir que Pescanova instalase a planta en Mira.
Ollando cara Portugal, onde xa abriu a planta meirande de Pescanova
Este domingo, Pescanova inauguraba, ademais, e cunha serie de gabanzas e agradecementos ao goberno portugués, a controvertida piscifactoría de Mira.
O presidente da compañía galega, Fernández de Sousa, agradeceulle a dispoñibilidade ao Goberno de Sócrates, e sinalou os "beneficios" que achegará a planta, denominada Acuinova, sobre a economía e o benestar dos cidadáns do país veciño: "Dará emprego, xerará riqueza e progreso e converterá a Mira nun referente mundial", valorou.
Acuinova é a primeira planta de acuicultura de rodaballo que conta cunha toma en mar aberto, un proxecto que nun comezo estaba destinado a situarse na Costa da Morte. Desenvolvemento da planta divídese en tres partes: unha primeira inaugurada este domingo; unha segunda que está previsto bote a andar antes de que remate o ano; e unha terceira fase que comezará o ano vindeiro.
Ademais do presidente de Pescanova e a conselleira do Mar da Xunta, ao acto de inauguración da planta de Mira asistiron o primeiro ministro portugués, José Sócrates -quen amosou o seu "orgullo" por que un grupo "tan importante" como Pescanova elixise a vila portuguesa para instalar a maior planta de acuicultura do mundo-; o ministro de Economía, Manuel Pinho, e o de Agricultura e Pesca, Xaime Silva; o presidente da Cámara de Mira, Joao Reigota; o ministro de Pesca de Namibia, Cadmiel Mutenba; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa; e a presidenta do Porto de Vigo, Corina Porro; entre outras autoridades.