Aumenta o poder da Reserva Federal, que controlará o risco da banca e as reservas de capital.
Outorgar máis instrumentos ao goberno para controlar ou mesmo para liquidar grandes empresas que poidan poñer en perigo a economía do país en caso dunha bancarrota. Ese é o obxectivo da reforma do sistema financeiro estadounidense que acaba de anunciar o presidente Barack Obama. Busca restaurar a confianza no sistema, evitar que unha crise como a actual volva a producirse e dotar ao país dun sistema de control máis parecido ao europeo.
A Reserva Federal terá máis poder para supervisar e intervir nos mercados; as firmas financeiras someteranse a máis control público; o plan crea unha nova axencia de protección dos consumidores e avoga por unha maior transparencia nas normas tanto internas como internacionais. O proxecto deberá agora ser aprobado polo Congreso, e parte da premisa de que a crise se xerou por mor dun sistema baseado no "diñeiro fácil", en palabras do propio Obama, que levou canda si unha "era de irresponsabilidade que as autoridades non souberon, puideron ou quixeron atallar".