Un lector de Vieiros residente en Suíza denuncia que os veciños da parroquia de Esternande, entre estes a súa nai, pasaron os últimos oito días sen liña telefónica.
Non todos en Galiza teñen liña
"Hai un par de anos cambiáronlle o TRAC vello por outro novo, o TRAC dixital chámanlle, pero segue sen funcionar ben, e a conexión á internet é de velocidade mínima".
Xosé Manuel, lector de Vieiros residente en Biel (Berna, Suíza), fala da súa nai, Rosalía, e do famoso -por infame- sistema sen fíos Telefonía Rural por Acceso Celular, que Telefónica ideou para levar a liña do teléfono ao rural sen necesidade de facer a instalación de cables.
Rosalía e a maioría dos veciños da parroquia de Grixoa de Esternande, en Santa Comba (Xallas), pasaron os últimos oito días sen poderen facer ou recibir chamadas, aínda despois de facer a migración do sistema analóxico ao dixital que a multinacional española comezou a ofrecer hai catro anos.
De feito, esta veciña di que dende a mudanza a liña dá problemas cada 15 días. Navegar pola web segue a ser ciencia ficción. "Hai dous rapaces que teñen internet e quéixanse de que vai lento ou de que non vai. Teñen que ir até Santa Comba para facer os traballos da escola".
"Tanto din de quedar na aldea, pero obrígante a marchar", protesta Xosé Manuel, que moitas veces lle ten que xestionar as reclamacións á súa nai dende o país alpino porque a cobertura do móbil é tamén feble.
"Para cobrar a final de mes non fallan", asegura o de Esternande, unha parroquia na que, curiosamente, hai proxectada a construción dun gran parque eólico. Se as cousas non cambian, nuns meses han ter muíños mais non postes de teléfono.