Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
IAGO ASPAS, XOGADOR DO CELTA

"Cando falta o diñeiro hai que apostar pola canteira"

O heroe da salvación celeste ten firmado un ano máis co primeiro equipo, e agarda convencer o adestrador no verán para que conte con el.

Pablo García Martínez - 12:00 17/06/2009
Iago Aspas

Iago Aspas

Despois de varios anos subindo chanzos nas categorías inferiores do Celta o pasado sábado día 6 Iago Aspas (Moaña, 1987) tivo a súa primeira grande oportunidade e non a desaproveitou. As baixas no ataque celeste obrigaron a Eusebio Sacristán a contar con el na convocatoria e metelo no terreo de xogo no minuto 59 para desatascar un partido que mantiña o empate a cero goles. Poucos contaban con que aquel miúdo moañés de só 21 anos marcara os dous goles que certificaron a permanencia do Celta en segunda división despois dunha das peores tempadas da súa historia. Membro dunha familia de futbolistas con dilatado historial celeste, Iago é agora o único membro dos Aspas na entidade.

Agora que xa pasaron uns días, como recordas o acontecido no partido contra o Alavés?

A verdade é que non agardaba entrar na lista de convocados, e se o comité de apelación levanta a sanción de Dinei eu non estaría entre os 19 elixidos. Despois durante o partido saín a quecer e pensei que me ía tocar mollarme na banda, pero o adestrador confiou en min e eu creo que respondín.

Chegaches ao equipo nun momento convulso, como viviches xunto cos teus compañeiros de vestiario estas semanas difíciles?
Subíronme ao equipo hai un mes e as cousas estaban difíciles. Os xogadores estaban nerviosos por non cobrar, pero as cousas ao final non foron mal. Eu estaba agardando unha oportunidade así e todo saíu perfecto.

Es consciente de que é nestes momentos de dificultades económicas cando os equipos máis apostan pola canteira?
Si, cando falta o diñeiro hai que apostar pola canteira para que arranxe a situación. Este ano, ademais, tivemos un bo exemplo do nivel da nosa escola de xogadores, xa que ademais da excelente campaña do Celta B os outros equipos inferiores fixeron unha boa tempada. Agora hai que aproveitar esta boa inercia.

Visto dende outro punto de vista, esta situación tamén vos dá a oportunidade de ter un papel importante no futuro do voso club de sempre, non crees?
Está claro que para nós é unha grande oportunidade. A nivel económico as cousas non están ben, entón esta situación téñena que solucionar os xogadores da canteira e un par de fichaxes. Podemos ter como exemplo o Sporting de Xixón, que pasou graves dificultades económicas e apoiouse na canteira para recuperarse e volver á Primeira División.

E que opinas sobre o contraste que existe entre a delicada situación do Celta e as multimillonarias contratacións realizadas nas últimas semanas polo Real Madrid?
Non é algo novo, no fútbol xa estamos afeitos a convivir con iso. Hai problemas noutros equipos, pero os que compraron a xogadores por ese diñeiro será porque o teñen.

Falando do papel desenvolvido polo Celta este ano, cales pensas que son as motivacións do mal ano que fixo o equipo?
Eu sei que a afección agardaba máis, pero cando entras nunha dinámica mala é moi difícil abandonala. Aínda así as cousas non remataron mal de todo.

Cales son as túas aspiracións para o vindeiro ano?
Agora estou agardando a que remate a tempada e o club me diga o que queren facer comigo. Eu teño firmado un ano co primeiro equipo e dous opcionais. En principio vou facer o stage de verán co cadro profesional e despois miraremos a ver se me quedo ou vou cedido a outro equipo de segunda.

O ano pasado xa estiveches durante o verán cos maiores, pero remataches quedándote no filial. Como asumiches non ficar daquela no primeiro equipo?
Rematei frustrado, porque eu vía que tiña sitio no cadro que se confeccionou. Levei un pau moi grande pero seguín traballando co Celta B e no final do ano vin o meu traballo recompensado.

Ti segues na liña doutros xogadores chegados da Madroa como Roberto Lago, ou Dani Abalo, que xa son uns habituais coa selección galega. Non sei se estar alí con eles é tamén outra motivación para ti?
Sería unha gran satisfacción e un motivo de orgullo. A verdade é que xa tiña moitas ganas de ir este ano, pero son consciente de que o nivel é moi alto. Traballo para iso: para axudar ao meu equipo e tamén para chegar até alí.

Que papel pensas que podería facer nun torneo internacional, no caso de confeccionarse un grupo cos mellores xogadores do país?
Habería que velo xogando seriamente, porque non é o mesmo un amistoso que un partido oficial. Teríamos que facer algúns adestramentos e compenetrarnos para ver o que podíamos dar nunha competición seria, pero eu teño claro que cos xogadores que hai seríamos competitivos.

Segues a saga dos Aspas, que comezou teu irmán Jonathan, agora no Piacenza, e está continuando o voso primo Aitor, que está no cadete do Valencia. Que similitudes hai entre vós?
Meu irmán era un auténtico traballador do fútbol que aproveitou as súas oportunidades, pero non foi ben tratado e tivo que marchar despois de darse conta de que a vida non acaba no Celta. Meu primo é zurdo e xoga de interior esquerdo ou de media punta: parécese bastante a min.

Que consellos che da teu irmán, que é o máis veterano dos tres?
Dime que traballe, porque co esforzo e o traballo é como chegan os resultados.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: