O gaiteiro galego e o grupo incorpóranse a un dos mellores carteis dos festivais do verán. Estarán ao vivo o día grande: o sábado 11 de xullo.
O Festival Ortigueira'09 contará coa presenza do gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño e da banda canadense A Bottine Souriante, que serán dous dos pratos fortes do certame folk que se celebrará do 9 ao 12 de xullo.
Con estas novas incorporacións, o Concello de Ortigueira considera que a oferta artística para o sábado 11 de xullo, xornada que congrega maior volume de público, é "unha das máis potentes das últimas edicións", xa que o cartel completarase coa banda escocesa Wolfstone. A listaxe de grupos confirmados até o de hoxe complétase con Susana Seivane, Sog e a Escola de Gaitas de Ortigueira.
Por outro lado, a organización do festival abriu tamén o prazo para elixir, a través da súa web oficial, aos grupos emerxentes que abrirán o xoves 9 de xullo a festa, no marco do Proxecto Runas'09, de promoción de novos creadores da música folk. As tres formacións que sumen máis puntos de aquí ao 30 de xuño actuarán, tras a inauguración do certame, competindo en directo, ante un xurado, por facerse un oco no cartel do ano 2010, e gañar 3.500 euros.