Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REUNIÓN FEIJOO-ZAPATERO

O goberno español comprométese a fixar por escrito os prazos e orzamentos do TAV

Segundo o presidente galego, xefe do executivo estatal recoñeceu incumprimentos na chegada da liña ferroviaria.

Redacción - 17:35 15/06/2009
Obras do TAV en Lalín / Flickr: adrian-deejay

Obras do TAV en Lalín / Flickr: adrian-deejay

O presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, reuniuse este luns en Madrid co seu homólogo español, José Luis Rodríguez Zapatero. Durante o encontro, os dous mandatarios acordaron pactar por escrito os prazos e orzamentos para a chegada do Tren de Alta Velocidade ao noso país.

Nun encontro que durou algo máis de dúas horas, o xefe do executivo estatal tería admitido, segundo a Xunta, retrasos e incumprimentos na infraestrutura ferroviaria. Ao remate da xuntanza, Feijoo subliñou que volvía “moi esperanzado”. Posteriormente, afirmou que dende Galiza “non imos pedir cousas que non se poden facer, pero si que se doten economicamente o antes posíbel”.

Rodríguez Zapatero subliñou que o TAV galego vai ter “prioridade” e emprazou os acordos a unha reunión que manterán Núñez Feijoo e o ministro de Fomento, Xosé Blanco, o vindeiro 24 de xuño.

Foro do leite

A crise de prezos que sofre o sector leiteiro foi outros dos temas que trataron este luns Rodríguez Zapatero e Núñez Feijoo. O presidente galego mostrouse partidario de crear un foro non que estean representados produtores, fabricantes e distribuidores. O mandatario español non se opuxo a esta proposta mais avogou que isto se concrete nunha convocatoria da ministra Elena Espinosa.

Lei de Dependencia

Segundo Feijoo, o presidente español tamén admitiu que non se está a cumprir a Lei da Dependencia e que é preciso máis diñeiro para logralo. Zapatero anunciou que o vindeiro ano a lei vai ter 600 millóns adicionais para a súa aplicación en todo o Estado Español.

Sector naval

Zapatero afirmou que o Estado Español terá en conta a problemática de Navantia no primeiro semestre do ano que vén, período no que ocupará a presidencia da UE. Feijoo cre que unha crise como a que se está a vivir fai aínda máis “difícil de entender” como segue vetado para a construción civil o estaleiro de Fene


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: