Os xardíns de Méndez Núñez acolleron actividades, que combinaron a práctica deportiva coa lembranza da actividade realizada no pasado polas deportistas da cidade.
A asociación sen ánimo de lucro Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) organizou o pasado domingo na Coruña a I Xornada do Deporte Feminino na Rúa. Durante todo o día, practicáronse nos xardíns de Méndez Núñez deportes coma o judo, taekwondo, ciclismo, baloncesto, rugby ou voleibol. Ademais, realizouse tamén unha exposición fotográfica que lembrou as mulleres deportistas coas que contou a cidade nas últimas décadas. Mudega organizou este evento coa colaboración do Concello da Coruña, exercida mediante as concellarías de Deportes e de Igualdade e Participación.
A vicepresidenta de Mudega e presidenta da Federación de Taekwondo, Mercé Barrientos, valorou de xeito positivo todo o acontecido durante a fin de semana e afirmou que "aínda que vimos algúns aspectos mellorábeis, démonos conta de que este é un modelo interesante que se pode trasladar a calquera cidade galega, servindo ademais de recoñecemento a aquelas pioneiras do deporte feminino, que competiron nunhas épocas difíciles". Barrientos lembrou que o evento foi organizado en moi pouco tempo, e amosouse leda pola "alta asistencia de público e a participación".
Premio ás deportistas destacadas da cidade
A xornada tamén serviu para premiar algunha das deportistas coruñesas que máis destacaron nas últimas décadas. Así, recoñeceuse o traballo da lanzadora Ángeles Barreiro (que aínda conserva o récord estatal de lanzamento de disco acadado no ano 94, en Ferrol), a xogadora de hóckey María do Carme Rubio; a futbolista Lis Rubio; a xogadora de balonmán María Vieites; e a xogadora de baloncesto Ángela Rodríguez Piñón.
Barrientos explicou que se premiaron "mulleres das que tiñamos noticia como deportistas destacadas da súa época", pero este recoñecemento pode servir, segundo lle explicou a Vieiros, como punto de partida para seguir traballando na procura de máis información.