Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proceso interno

A composición final do Consello Nacional do BNG decídese dende este luns nas comarcas

O acordo para unha única lista na renovación das direccións comarcais será posíbel en varias pequenas, mais non na Coruña, Compostela e Vigo.

Europa Press - 12:00 14/06/2009

A lista de Alternativa pola Unidade (APU), impulsada pola UPG, e a liderada por Carlos Aymerich, Máis BNG, que concorreron o pasado 10 de maio na asemblea extraordinaria para renovar o Consello Nacional do Bloque, volverán enfrontarse, polo menos, nas comarcais da Coruña, Vigo e Compostela, unhas das máis significativas e que achegan maior número de membros.

As comarcas teñen de prazo a segunda quincena de xuño para completar máis do 50% dos membros do seu Consello Nacional -máximo órgano de decisión entre asembleas-, despois de que no conclave extraordinario elixisen os primeiros 50 membros desa dirección e renovasen a Executiva, na que Guillerme Vázquez, da APU, saíu elixido como portavoz nacional.

Desta forma, son agora as comarcas as que teñen que conformar os seus órganos de dirección e, en función do número de concellos que estean incluídos e a cifra de afiliados, achegarán os representantes correspondentes ao Consello Nacional, que se constituirá a principios do mes de xullo.

O acordo para configurar unha única lista para a renovación das direccións comarcais será posíbel en varias comarcas pequenas, sobre todo, pero non frutificará nas máis representativas do Bloque, como son Compostela, A Coruña e Vigo, nas que Máis BNG e a UPG volverán a competir, como xa o fixeron na asemblea extraordinaria para elixir a Executiva.

Daquelas gañou a lista da UPG, aínda que Máis BNG conseguiu recoller os suficientes apoios como para que a Executiva quedase conformada por dúas grandes correntes. Da dirección nacionalista quedaron fóra os 'irmandiños' liderados por Xosé Manuel Beiras, que só aceptaban unha lista de integración de todas as correntes para concorrer á Executiva, algo que finalmente non foi posíbel, rachándose, así, a liña que seguiran as asembleas anteriores.

Correlación de forzas
Debido ás votacións do conclave extraordinario, o máximo órgano de decisión entre asembleas conta con 23 membros pertencentes á lista impulsada pola UPG, que obtivo o 45,29% dos votos de delegados, mentres que a candidatura do tamén portavoz parlamentario alcanzou o 36,8% dos apoios de delegados, o que lle outorgou 18 representantes.

Tamén entraron o Encontro Irmandiño, co 14,77% dos membros e sete prazas, e Movemento Galego ao Socialismo -escisión de Movemento pola Base, xa fóra do BNG-, con dous membros ao recoller o 3,09% dos votos.

Precisamente, esta última corrente foi a única que se integrou nunha candidatura en que non concorreu ao Consello Nacional, na de Alternativa pola Unidade, o que lle permitiu incluír a Rafa Villar na Executiva nacionalista, con sete membros de Máis BNG e oito da lista da UPG.


3/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: