Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Consello de Ministros

Aprobada a adaptación estatal da directiva de liberalización de servizos

O Executivo español bota adiante oficialmente un conxunto de reformas ás que IU e BNG presentaran cadansúa emenda á totalidade no Congreso.

Redacción - 10:30 13/06/2009
A liberalización de servizos foi obxecto de amplas mobilizacións en toda a UE

A liberalización de servizos foi obxecto de amplas mobilizacións en toda a UE

A argumentación das posibilidades de xeración de emprego en tempo de crise é argumento fundamental do conxunto de reformas que o Consello de Ministros aproba este venres. Trátase dunha adaptación lexislativa relacionada coa polémica directiva de servizos debatida no seu día no Parlamento Europeo e, xustamente, unha das iniciativas que maior mobilización contraria orixinou por parte de sindicatos e colectivos sociais no marco da Unión Europea.

Implicará a modificación de case medio cento de normas estatais e, baixo a denominación entre os parlamementarios de "lei ómnibus", aplicará no Estado a directiva de servizos no mercado interior. Suprime por exemplo autorizacións administrativas baixo a xustificación de non seren de interese xeral ou innecesarias que quedarán en simples notificacións de actividade. A iniciativa aféctalle a todo tipo de sectores: telecomunicacións, enerxía, ambiente, comercio... Do mesmo xeito, garántese a libre prestación de servizos para empresas xa estabelecidas noutro estado membro da UE. Reforma tamén a norma que regulamentaba os colexios profesionais co obxectivo de liberalizar o exercicio profesional, eliminando restricións á publicidade por parte dos profesionais, limitacións para o exercicio de máis dunha profesión e prerrogativas para a fixación de baremos de prezos.

Críticas ao paso
"Impulsa unha redución dos estándares de protección dos dereitos sociais e laborais", laiábanse hai poucos días no Congreso os representantes de Izquierda Unida, recordando que a reforma profundizará nalgúns dos elementos máis polémicos da coñecida Directiva Bolkenstein. No deseño da adaptación da famosa directiva aprobada na Eurocámara en 2006, consideran desde IU que o goberno español semella querer ser "máis papista que o Papa" e acusan o PSOE de debuxar un modelo "con menos restricións" ca os principios básicos marcados no documento europeo.

No mesmo sentido se pronuncian desde o BNG, engadindo a maiores que o goberno español está aproveitando este proxecto de lei para levar a cabo unha descentralización de competencias "encuberta". Denuncian os nacionalistas galegos que se recortarán substancialmente atribucións autonómicas de regulación sectorial de actividades. Critican ademais o camiño do desrregulamento en múltiples sectores e ven o inicio dunha vía "claramente liberalizadora". Por este motivo rexeitan a argumentación dos beneficios en tempo de crise e advirten que será un novo factor de "risco" para o contexto económico.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: