Investimentos de proxectos "parados, perdidos e privatizados" que, avalían os socialistas, o Goberno reconsiderou con criterios "partidistas".
"As siglas do PP son as do partido dos proxectos parados, perdidos e privatizados", ironizaba este xoves o voceiro do grupo parlamentario do PsdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga, acusando o Goberno de paralizar investimentos para Vigo comprometidos polo anterior executivo. A paralización do novo hospital da cidade, o Plan Vigo Íntegra, a Estación Depuradora (EDAR) do Lagares, a cidade do Mar ou a reforma da vía PO-325 Vigo-A Ramallosa, son as principais preocupacións da lista elaborada polos socialistas que, calculan, equivalen a algo máis de 1.000 millóns de euros que deixarán de investirse a curto prazo en Vigo.
Para facer pública a denuncia, nesta xornada achegáronse até a cidade o propio voceiro parlamentario do PSdeG e os deputados socialistas pontevedreses Manel Gallego, Abel Losada, María Xosé Caride e Carme Gallego. Na opinión do PSdeG, trátase dunha "marcha atrás" en cuestións fundamentais para a cidade olívica que, aseguran, agocharía unha "reprogramación ideolóxica e partidista dos orzamentos" da Xunta. "O PP ofrece parálise por un lado e chapa e pintura polo outro", laiouse a deputada socialista e ex-conselleira María Xosé Caride, referíndose á creación da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
"Mentiras" sobre o hospital
De xeito concreo, o deputado Abel Losada criticou a posición da Xunta ao respecto do hospital de Vigo e acusou a actual conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, de mentir no Parlamento en relación a esta infraestrutura para "preparar o camiño á privatización de servizos sanitarios da cidade". Subliñou Losada que a Xunta podería iniciar "xa" a construción, indicando que o bipartito deixou compromeitodos 400 millóns de euros con esa fin.
Doutra banda, Losada denunciou o presunto atraso doutras iniciativas, "paralizacións simbólicas temporais" que, na súa opinión, estarían motivadas pola intención de "colgárense a continuación a medalla dos proxectos". Nese feixe incluíu o freo ao Plan Vigo Íntegra, advertindo que implicará a paralización do túnel de Beiramar, a conexión do segundo cinto coa autovía de Porriño, o desdobramento do Morrazo e o acceso á Plisan, "que xa teñen comezado o estudo informativo".