O sector atinxirase agora á normativa de 1993, mentres non se concrete a nova lexislación que entraría en vigor en decembro.
Malia que Alberto Núñez Feijoo comprometera que nos seus primeiros 100 días de goberno botaría a andar unha nova normativa para o sector pesqueiro galego, os cambios lexislativos terán que agardar seis meses máis. Mentres, a Lei de Pesca que aprobara o bipartito en decembro de 2008 queda en suspenso para que o novo goberno popular poida introducir as modificacións que considera oportunas. Así as cousas, os traballadores do mar deberán rexerse pola anterior lexislación en vigor, é dicir, a Lei de Pesca de 1993, a Lei de Confrarías de Pescadores de Galiza (1993), a Lei do Servizo de Gardacostas de Galiza (2004), a Lei de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (2004) e a Lei de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira (2004).
Críticas da oposición
Tanto o PSdeG como o BNG opuxéronse a este aprazamento e criticaron que a Xunta deixe ao sector regulado por unha normativa "fósil" e que non atende ás verdadeiras necesidades dos traballadores. Así se manifestou polos socialistas Marisol Soneira, quen acusou á Xunta de querer volver "á lei López Veiga, que é incumpríbel e xera inseguridade xurídica no sector".
Na mesma liña se manifestou o nacionalista Bieito Lobeira, quen lamentou esta "volta atrás", logo do tempo no que se traballou para que o texto legal se adaptase aos intereses dos mariñeiros, "fuxindo do intervencionismo, de imposicións e de dirixismo político". Especialmente crítico se amosou coa que chamou "reprivatización" do Instituto do Medio Mariño que propón o PP, ao igual que coa "reconversión do servizo de Salvamento Marítimo no vello servizo de gardacostas".
Motivos do PP
Pola súa parte, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu a reforma que está en marcha que, segundo dixo, "incidirá no fortalecemento das confrarías, na regulación das concesións das bateas e contará coas achegas de armadores e mariscadores".
O deputado popular, Xosé Manuel Balseiro, subliñou que o bipartito "pretendeu degradar ás confrarías e intervir até o límite a súa autonomía pola súa obsesión de suprimir á mínima expresión todo aquilo que non podían controlar". A Lobeira contestoulle cuestionando a súa preocupación polo servizo de gardacostas, "xa que puideron aproveitar a lei para solucionar os graves problemas xurdidos nese ámbito, cousa que non fixeron", dixo.
En suma, Quintana asegurou que se buscará un texto de consenso e válido, que mellore a norma e que "corrixa as deficiencias e ineficacias" que, segundo referenciou, rexistraba a lei impulsada polo anterior goberno. Así, adiantou que nos vindeiros días presentarase o borrador desta nova lexislación ao Consello Galego de Pesca.