No Museo do Pobo presentouse a vindeira edición do evento que acollerá a vila coruñesa entre o 9 e o 12 de xullo.
Espéranse máis de 150 embarcacións que sumarán arredor de 700 tripulantes. Será entre o 9 e o 12 de xullo na vila de Muros e os detalles achegáronse este martes no Museo do Pobo, onde estiveron o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), Vítor Fernández, e o director do Museo do Mar, Pablo Carrera.
Cara a aquela data, xa se prepara a infraestrutura especificamente destinada ao encontro, con pantaláns de amarre, guindastres, zona de aparcamento e equipo de apoio para as embarcacións; carpa, zona de comedor e acampada e taberna mariñeira para as tripulación; palco, equipo de son e sistema de tradución simultánea para as conferencias.
Haberá un feixe de actividades, tanto en mar como en terra, deseñadas para cativos e maiores. Así por exemplo, os dous primeiros días terán lugar unhas xornadas técnicas na Casa da Cultura de Muros, dirixidas polo Museo do Mar. Centradas nos ecomuseos, "irán orientadas á potenciación do patrimonio marítimo e natural e a espertar o incremento dun turismo activo baseado nesa riqueza patrimonial da ría de Muros e da Costa da Morte", tal e como se explicou este martes. E entre outros: obradoiros de navegación, gastronómicos, de artesanía e de carpintería de ribeira e mostras de asociacións foráneas invitadas (Portugal, Cataluña, Francia, Euskadi, polo Museo do Mar e polas distintas asociacións da FGCMF e da AGALCARI (Asociación Galega de Carpinteria de Ribeira).
Música e gastronomía
No plano musical agárdase a actuación de Rock da bisbarra, Doommsday Clok, Trapos sucios, Som Do Galpom, Trío Vahamonde, Lamas e Romeu, Suso de Siornes, Treixadura ou Quempallou, entre outros. Tamén haberá tempo para o teatro, con actuacións de Pistacatro, Picompé ou Vos Quinquilláns; para o cine, onde proxectarán A mariñeira, De profundis, Krebinskis e Santa Liberdade; e a literatura a cargo de Eva Veiga e o trío Ouriol.
A oferta gastronómica vaise centrar en produtos mariñeiros propios da zona e unha feira de artesanía vinculada ao mundo mariñeiro, coordinada pola Asociación Galega de Artesanía (AGA). Ademais, aproveitando o fermoso enclave de Muros e alrededores, tamén haberá tempo para a paisaxe e o urbanismo, con diferentes itinerarios a pé.
Os encontros celébranse cada dous anos, desde 1993. Desta volta, ademais da FGCMF, traballan na organización as asociacións Mar de Muros e Canle de Lira e o Museo do Mar de Galicia. Conta co patrocinio da Fundación Deporte Galego, o Xacobeo 2010, a dirección xeral de Comercio da consellería de Economía e Industria, a Consellaría do Mar, a Deputación de A Coruña, o Museo do Mar e o Concello de Muros.