Ademais de actuacións musicais, contos e regueifas, mostraron as súas habilidades os oleiros de Barcelos, os cesteiros de Gondomar ou os redeiros de Caminha.
A pasada fin de semana completouse o quince aniversario da xornada de comunicación Ponte nas Ondas. Foron 24 horas de emisión que agora, poden seguir revisándose polo miúdo a través de internet. Peneiraron o esforzo de máis de 60 escolas de Galiza, Portugal e América que responderon con traballo e creatividade unha vez máis e desta volta ao desafío concreto centrado nos Tesouros Vivos do Patrimonio.
Logo do soprado oficial de velas da torta dos 15 anos do proxecto que fixeron un grupo de alumnos, o decano da Facultade de Económicas agradeceu a celebración do evento no auditorio onde transcorreu unha intensa revista audiovisual á que asistiron alumnos de centros educativos de Caminha, Valença do Minho, Vilanova de Cerveira, Nigrán, Gondomar, Salceda de Caselas, Arcade, Salvaterra de Miño e Pontevedra, entre outras localidades. Tamén asistiron ao evento persoas maiores chegadas de Mondariz, Salceda de Caselas e O Porriño.
O día dos Tesouros Vivos
Ponte...nas ondas presentaba nesta edición a creación do Sistema dos Tesouros Vivos da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Sistema que vai contar coa participación dos portadores e portadoras así como das asociacións e institucións de Galiza e do Norte de Portugal. No escenario do Auditorio, en paralelo coas actuacións orais e musicais, mostraron as súas habilidades os oleiros de Barcelos, os cesteiros de Gondomar e Mondariz, redeiros de Caminha e tamén foi entrevistado un carpinteiro de ribeira de Viana do Castelo.
A homenaxe á firgura dos Tesouros Vivos continuou durante toda a revista audiovisual pola mañá coas actuacións das cantareiras de Toutón, o Rancho de Reis de Riofrío de Mondariz, as Concertinas de Viana do Castelo, as regueifas de Luis Caruncho, Os Terribles de Donas e a de Nelson Vilarinho de Vilanova de Cerveira.
As emisións dos programas realizados polos centros educativos continuaron ao longo da tarde. Desde a Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago realizaron a programación alumnado de Humanidades.
E a partir das 21 hs. desenvolveuse no Museo Verbum de Vigo a Revista Oral dos Tesouros Vivos conducida por Antonio Reigosa. Contou coas intervencións de Xavier Blanco, de Moaña, músico de raíz, recuperador dos chamados "instrumentos pobres", as Cantadeiras de Gargamala (Mondariz ), Manuela de Barro, de Cerdedo, voz portentosa da copla e do cancioneiro popular tradicional, Elba Requeijo, de Abadín, recitadora e narradora, José Cortizo, de Cerdedo, poeta popular e cantor, Nelson Vilarinho, cantador e tocador de concertina, o de máis idade do Norte de Portugal ( 83 anos ), Diana Gonçalves, directora do documental “Mulleres da Raia”, e María Pita, unha das protagonistas, o Grupo Abertal da Rúa, grupo de baile e música tradicional que leva 20 anos de andadura baixo a dirección de Manuel Durán, os Cavaquinhos do Minho de Viana do Castelo e Pancho Álvarez, músico e recreador de sons á maneira tradicional coma os do mítico Florencio, o cego da Fontaneira. Pancho presentou en compañía de María Solleiro temas do seu último traballo “Sólidos galicianos”.
A programación continuou a partir das 11 da noite coa produción realizada polos centros educativos e polos remitidos desde América para esta edición de Ponte...nas ondas! Toda a programación emitida a través de Internet reemitira durante os vindeiros días e estará dispoñible na web de Ponte nas Ondas.