Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
REFERENDO ENCUBERTO?

Educación pon en marcha a consulta do bilingüismo á carta

O conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística deron a coñecer os cuestionarios que deberán de respostar os pais.

R.V. - 15:20 05/06/2009

Ten vostede un fillo no ensino non universitario? Tanto se o seu fillo estuda Infantil, Primaria, Secundaria ou Formación Profesional nas vindeiras semanas vai recibir na súa casa un cuestionario, no máis rigoroso estilo bilingüe, con catro preguntas concretas. Basicamente, Educación pregunta en que lingua queren os pais que se impartan as materias troncais, o idioma que prefiren nos libros de texto, en que lingua prefiren os exames e se están a prol de aumentar o número de materias impartidas en inglés. No caso dos alumnos máis pequenos, a Xunta fai unha pregunta sobre cal é o idioma materno dos rapaces.

En total, 330 mil pais recibirán estas enquisas a partir da vindeira semana. O conselleiro, Xesús Vázquez, subliñou que o cuestionario é “o punto de partida” para derrogar o decreto aprobado polo bipartito e que establecía que, como mínimo, o 50% das materias serían impartidas na lingua do país. Vázquez toma o cuestionario como unha especia de referendo xa que considera que servirá para “superar a conflitividade xerada”.

Ten algunha fiabilidade a enquisa?
Son numerosos os expertos, sobre todo do ámbito da sociolingüística, que puxeron en dúbida a rigorosidade dunha consulta deste tipo. Primeiro pola situación diglósica que se vive no país e que indubidabelmente beneficia a supremacía do castelán e segundo polo feito de que se lle pregunte aos pais por esta cuestión en concreto e non por moitas outras que teñen que ver coa escolarización dos seus fillos.

Falta saber o número de pais que van a respostar a esta enquisa. A priori, na propia consellaría pensan que os máis implicados van ser os pais que máis a prol ou en contra están da normalización lingüística. Tamén son moitas as graves dúbidas que hai enriba da mesa: Como se garante que non haxa posibilidade de manipulación dos resultados da enquisa? Polo de agora, nin o propio conselleiro é quen de explicalo.

A caixa de Pandora
Tal como lle adiantamos esta semana, na Consellaría de Educación valorouse a posibilidade de establecer a obrigatoriedade de dúas materias en galego (Sociais e Lingua) e outras dúas en castelán (Matemáticas e Castelán). A partir de aí, cada centro, por medio dos seus consellos escolares, tería unha marxe de decisión.

Dende a Xunta, negaron a noticia asegurando que non hai nada escrito nin se estaba aínda nesa fase do proceso. Porén, diferentes fontes de máxima solvencia consultadas por Vieiros tiñan confirmado que dende Educación foran consultados ao respecto deste modelo como posíbel proposta de solución.

Mais hai quen opina que un dos principais problemas radica no propio PPdeG. As posturas, contra o que poida semellar, non son unánimes. Galicia Bilingüe e dirixentes conservadores da área de Vigo son os que máis presión están a facer para que se lles dea unha ampla marxe de manobra aos pais. Porén, dentro do partido tamén hai voces que consideran que o Goberno está “abrindo unha caixa de Pandora” que pode volvérselle en contra. Este sector apostaba por unha volta ao decreto Fraga, algo que xa quedou descartado pola consellaría.


2,17/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: