Acusan a socialistas, e tamén aos nacionalistas, de usar partidas de 19 millóns de euros para darlle traballo a candidatos municipais e familiares de deputados.
Un día despois de que os socialistas levasen a primeiro plano outra acusación por contratacións irregulares na Deputación de Ourense, os populares retrucan apuntando as presuntas contratacións "a dedo" na empresa pública Tragsa. Aseguran desde o PP que o proxecto de 10 millóns deseñado para "limpar cunetas" en campaña electoral, serviu para darlle traballo a candidatos municipais e familiares de deputados do PSOE.
"O bipartito autorizou para esta cuestión un total de 19 millóns de euros, dos que 10 foron xestionados para, entre outras cousas, fichar a traballadores do PSOE e 9 serviron para facer o mesmo cos do BNG", aseguran desde o PP. "O obxectivo era en teoría loitar contra o desemprego, á vez que se maquillaban os datos do paro en pleno proceso electoral", din, acusándoos de non importarlles o paro "senón o benestar dos seus".
"Deberían ter un mínimo de pudor", apóñenlle aos socialistas, rexeitando as acusacións ao presidente do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, e cualificando de "atrevemento" a denuncia ao respecto realizada polo PSOE en Ourense este mércores. "Cun pasado tan escuro en materia de emprego atrévense a criticar a política de contratación de institucións que non gobernan", ironizan nun comunicado enviado aos medios este xoves. "Eles, mentres estiveron no poder, utilizaron o diñeiro público para pagar soldos aos seus afíns, aos que fichou a dedo e sen mediar procedemento algún, máis aló do da mera revisión do carné de afiliado", afirman desde o PP.