'Domus Omnia', unha mostra realizada en Berlín e na que a paisaxe galega é protagonista, poderá verse até o 22 de xullo.
Antón Lamazares é hoxendía unha das figuras indiscutíbeis do panorama pictórico europeo. Despois de 'Fai frio non lume', tráenos a súa última serie 'Domus Omnia', realizada en Berlín, cidade na que vive desde hai 4 anos, serie na que estivo traballando desde o ano 2007, na que a casa é o elemento central; casas perfiladas, insinuadas, formas flotantes como as define Francisco Calvo Serraller. Lamazares rende homenaxe á casa, ao concepto de fogar. Nesta exposición presenta Domus Omnia Maceira e Domus Omnia Lajazós, unha homenaxe á súa casa, aos seus sentimentos, costumes e recordos.
A mostra está formada por 34 pezas de cartón nas que constrúe paisaxes salpicadas con peculiares construcións, perfiladas, perforadas. Paisaxes nas que o verde é a cor central, cuberto por capas e capas de verniz que homoxeinizan a superficie e crean esa atmosfera tan particular das obras de Lamazares. Atmosferas, cores e paisaxes que nos traen á memoria series anteriores como Bes de Santa Baia ou Eidos de Rosalía. Unha vez máis Lamazares toma a paisaxe galega como punto de partida para crear o seu particular iconografía.
Lamazares deuse a coñecer nos anos setenta, realizando a súa primeira exposición individual en 1976 en Santiago de Compostela, para converterse na década dos oitenta nunha figura destacada do grupo Atlántica, participando nas súas principais exposicións. Nas súas obras utilizaba gran variedade de soportes: caixas de madeira, cartón, materiais de desecho que recicla, etc., en xeral materiais humildes que lle achegan ao oficio de artesano. As súas propostas pictóricas iniciais inscríbense dentro da órbita do expresionismo, nas cales aparecían estraños personaxes, moitos deles extraídos da tradición galega. Co paso dos anos as súas pezas adquiren formas de gran tamaño e achéganse ao art brut. Nas creacións dos anos noventa as figuras realízanse a menor escala, até converterse en puntos sobre as superficies, realizadas estas por medio de lacas e barnices. Lamazares suprime con iso toda referencia á figuración para concentrarse no valor da materia, sendo nestas últimas obras onde a paisaxe de Galiza se erixe como protagonista.
Domus Omnia, de Antón Lamazares, na galería SCQ (Pérez Costanti, 12. Santiago de Compostela). Do 4 de xuño ao 22 de xullo.