O videoxogo ideado por Alexei Pajitnov xa se converteu en parte da cultura popular de millóns de persoas de todo o planeta.
Pantalla de presentación da versión de Tetris para máquinas recreativas
Hai 25 anos comezaba a andaina un programa informático que se convertería nun dos máis omnipresentes e adictivos. Un investigador de intelixencia artificial, Alexei Pajitnov, empezou a escribir software na Academia Soviética das Ciencias, en Moscova. Da súa mente xurdiría o Tetris, un xogo que cativou xa varias xeracións.
Pajitnov, que daquela tiña 29 anos, programou varios entretementos matemáticos, até que descubriu que un dos xogos, sinxelo, sen puntuación nin niveis, era capaz de enganchalo durante horas. O concepto era simple: unha serie de bloques de diferentes formas caían lentamente dende a parte superior da pantalla. O xogador podía darlles a volta ou movelos de lado para encaixalos nuns nos outros na zona inferior. Cando se enchía unha liña horizontal, esta desaparecía, deixando espazo para máis bloques.
Nun cuarto de século, o Tetris vendeu máis de 100 millóns de copias e inspirou arte, música, arquitectura, concursos de televisión e mesmo récords Guinness -entre eles o de condena de prisión máis longa por usar un videoxogo nun avión-. Tamén é o entretemento dixital que encabezou máis listaxes de mellores videoxogos.
Porén, a pesar do éxito, Pajitnov non sacou moito proveito do Tetris durante os primeiros anos, pois a Unión Soviética posuía os dereitos de autor. A súa popularidade foise estendendo dende a URSS até a Europa do Leste e, xa en 1988, comezou a conquistar o mundo, coa súa presentación na mostra de electrónica de consumo de Las Vegas.
O golpe definitivo, ademais do seu éxito nas máquinas recreativas, deuno cando o Tetris se incluíu de balde en todas as consolas portátiles Game Boy de Nintendo. Pajitnov, en declaracións a The Guardian, comprendeu nese momento até onde chegara a súa creación: "Visitamos as oficinas de Nintendo... Todos os cartuchos para o Tetris na Game Boy estaban gardados nun almacén de Quioto. Alí vin, de verdade, todos eses centos de miles de anacos do meu xogo. Comprendín que non era só un xoguiño".
Rusia devolveulle a Pajitnov os dereitos sobre o Tetris en 1996, cando o programador estaba a traballar para Microsoft. Dende aquela licenciáronse diversas variantes do xogo a outras compañías, sempre que cumprisen con determinados criterios para que se considerasen "oficiais", como as cores dos tetrónimos (as pezas), a configuración de teclas ou que incluísen obrigatoriamente unha versión da canción do Tetris, titulada Korobeiniki. Unha versión da mesma chegou ás listas de éxitos británicas no ano 1992, grazas ao ollo artístico de Andrew Lloyd Webber.
O Tetris tamén inspirou estudos científicos sobre os seus efectos no cerebro ou arredor de se é matematicamente posíbel xogar eternamente. A conclusión é que non, se coincide unha sucesión de pezas "S" ou "Z" seguidas. Entre tanto, 25 anos despois, seguirémoslle botando algunhas partidas ao Tetris ou a algunha das súas variantes, no computador, no móbil ou en calquera outro dispositivo que o incorpore.