Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións Europeas

"Teremos voz, voto e veto, cando sexa necesario", prognostica Ana Miranda

A cabeza de lista do BNG ás europeas defendeu a herdanza de "traballo" Camilo Nogueira na Eurocámara fronte á "inacción" dos eurodeputados de PP e PSOE.

Redacción - 09:00 02/06/2009

"Aí están os datos, cando o BNG está, trabállase a prol de Galiza", subliñou a candidata do Bloque ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, durante a súa intervención este luns en Santiago de Compostela, ao tempo que repasaba a lista de iniciativas dos eurodeputados galegos de PP e PSOE e a comparaba coa acumulada polo BNG no seu traxecto nas institucións europeas. Con ex eurodeputado Camilo Nogueira na primeira fila do público asistente ao acto, Miranda, quen foi axudante de Nogueira durante a súa estadía na Eurocámara, defendeu o labor do Bloque "na defensa dos intereses de Galiza, sen intermediarios, fronte á procesión dos caladiños de PP e PSOE".

A candidata nacionalista afirmou que o nacionalismo levará a voz galega a Bruxelas "con voz, voto e tamén con veto cando haxa que exercelo", en defensa de Galiza. De paso, reprochou a PSOE e PP votaren en moitas ocasións a mesma posición na Unión Europea e puxo o exemplo do actual presidente da Comisión Europea, o conservador portugués Durão Barroso, apoiado á vez para continuar no cargo tanto por socialistas como por populares. "Están de acordo no apoio a unha Europa de políticas neoliberais, dunha UE economicista e especulativa", censurou. "E defenderon o aceite pero non o leite", denunciou sobre as prioridades dos rivais políticos.

Por outra parte, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pechou o acto lamentando que nestes anos non se teña avanzado "tampouco" nas obras do eixo Ferrol-Vigo e equiparou coa "lentitude do Imperio Romano" ao tempo que a conexión Ourense-Lugo-A Coruña "segue sen materializarse" e o mesmo sucede coa conexión con Portugal. O líder do nacionalismo galego lembrou que o primeiro AVE púxose en marchá alá polo 1992 e á altura de 2009, coas obras de alta velocidade en marcha ou rematadas en Cataluña, Valencia ou Andalucía. Así, pediu Vázquez un trato igualitario para evitar que "máis unha vez, Galiza sexa a última no desenvolvemento das súas infraestruturas".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: