A Deputación de Ourense fixo público un comunicado para desmentir estas acusacións.
Foi unha denuncia feita polo senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen acusou ao presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar, de acudir a mitins do partido en coche oficial, así como de empregalo para recoller aos seus netos no colexio. En concreto, Pérez Bouza referiuse a un acto electoral ao que foi o presidente da Deputación Provincial no concello de Porqueira ao que, segundo explica, chegou no Audi oficial e co chofer que paga esta administración.
Deste xeito, o senador nacionalista criticou a dobre moral do PP que "está a adicar esta campaña a discutir se o presidente do goberno do Estado fai ben ou non utilizando un avión para ir aos mitins" e asegurou que Baltar "non acudiu nun Falcón porque de momento a Deputación non o ten".
Resposta
Da súa banda, a Deputación provincial de Ourense xa contestou a través dun comunicado que o coche oficial que acudiu o pasado sábado ao concello de Porqueira era o do técnico de seguridade "que está equipado con sistemas inhibidores" e non o do presidente da institución. Di así que "se ve na obriga de desmentir estas acusacións" ante as falsas acusacións do BNG e asegura que Baltar se achegou ao acto electoral "no seu vehículo particular".