Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise de goberno

O mosaico político de Pontedeume podería dar lugar a cambio de alcaldía

Ante a crise do goberno en minoría do PP, o PSOE local inicia contactos co resto de grupos.

Redacción - 11:45 31/05/2009

Nas voces de diversos grupos políticos locais escoitáronse os últimos días en Pontedeume a avaliación de "desgoberno" para definir a actual situación no Concello. A recente saída da edil de Servizos Sociais, Ruth García, enfrontada co alcalde e en desacordo coa estratexia do grupo municipal do PP, fixo aínda máis feble a fráxil posición de goberno coa que o PP viña rexendo a política local desde a temperá ruptura de pacto co Círculo de Opinión Eumés (COE).

As urnas estabeleceron en 2007 un complicado contexto na Casa do Concello. Como forza máis votada saía o PP (28,7% e 4 concelleiros). Atrás deles quedaba o PSOE (21,7% e 3 edís), logo de gobernar durante lustros o municipio. A terceira posición era para o COE (21,5% e 3 asentos). Atrás aparecía o BNG (17,9% e 2 representantes). Finalmente, Independientes por Pontedeume sumaba o 6,4% e apañaba un concelleiro.

Pacto posíbel na oposición
Na actual situación, o grupo municipal do PSOE en Pontedeume comunicaba este sábado que diante da "preocupación polo desgoberno" no Concello, iniciaban contactos para tratar de conformar unha maioría alternativa. Agustín Vilariño, voceiro municipal dos socialistas, apelou á "responsabilidade coa que o noso grupo asumiu o seu papel como oposición, apoiando as xestións que consideramos positivas para a nosa vila". "Os populares, sen embargo, non foron quen, nestes dous anos de lexislatura, de gobernar para o seu pobo", acusou. Os socialistas falan de "desgoberno", "deixadez do alcalde" e "irregularidades na xestión", como causantes da crise que, advirten, "pon o Concello á deriva".

Por este motivo, anuncian que, como "forza maioritaria na oposición", tratarán de artellar "unha alternativa plural que aporte estabilidade, gobernabilidade e futuro aos veciños e veciñas deste pobo". As declaracións de Vilariño están apoiadas polo Secretario Comarcal do PSdeG-PSOE de Ferrolterra, Iván Puentes (Alcalde de Fene) quen mostrou o seu "apoio absoluto" ao labor e ás decisións dos socialistas de Pontedeume.


4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: