Hai case tres anos a familia propietaria pensou en vender o grupo, agora os bos resultados demostran un cambio de ciclo.
No outono de 2006 todas as alarmas saltaban nas bisbarras Bergantiños e Muros, especialmente en Carballo e en Esteiro. Os 900 postos directos de traballo que Calvo tiña en Galiza estaban no aire: A familia Calvo buscaba un comprador fóra do país. Porén, logo dun mes de intrigas unha nova xeración familiar tomaba as rendas.
Dous anos despois daqueles tremores, o Grupo Calvo semella gozar de moita mellor saúde. Un dos síntomas son os resultados económicos que presentou a empresa este mesmo venres en Carballo. Segundo os mesmos, en 2008 o emporio obtivo un beneficio neto de explotación de 13,83 millóns de euros (un 48% máis ca en 2007). Os ingresos totais aumentaron case un 10%, chegando a facturación total aos 414 millóns de euros.
O conselleiro delegado do grupo conserveiro, Manuel Calvo, cre que estes resultados teñen que ver co xiro estratéxico ensaiado logo da crise de 2006. As claves, segundo a propia empresa, ten que ver cunha maior independencia das unidades de negocio, á política de internacionalización e unha aposta pola innovación. O próximo reto dos carballeses é entrar no mercado australiano e no de EUA.