Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Cara o 7X

Estaleiros, portos exteriores e a arelada chegada do TAV

O PSdeG asegurou que non perigan os fondos europeos para a ampliación de Punta Lagosteira. O BNG defendeu Navantia. O PPdeG criticou "o ciclo da mentira"

Redacción - 09:00 29/05/2009
O candidato do PSdeG, Antolín Sánchez Presedo

O candidato do PSdeG, Antolín Sánchez Presedo

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañou desta volta á candidata da formación ás eleccións europeas, Ana Miranda, na súa visita a Ferrol, onde advertiu que o só os nacionalistas serán os que "ergan a súa voz en Europa" para que se lle levante o veto ao estaleiro de Navantia.

Pisándolle os talóns a Feijoo, que estivo de mitin no Teatro Jofre un día antes, Vázquez reivindicou o dereito de Navantia a poder construír buques civís, e garantiu que Miranda será "a única" que loite por conseguir este obxectivo en Bruxelas. Por outro lado, Vázquez tamén cargou contra a política lingüística do PPdeG.

Na súa quenda, Ana Miranda denunciou que nos últimos cinco anos "Galiza estivo ausente en Europa, a pesar de que en Bruxelas se deciden cuestións como a política pesqueira, agrícola ou as redes de transportes". "O feito de que Galiza estea totalmente ausente nos discursos de PP e PSOE demostra que os intereses galegos soamente serán escoitados e defendidos cando estea presente o BNG", recalcou.

Sánchez Presedo asegura que "non perigan" os fondos comprometidos para o Porto Exterior da Coruña
Polo seu lado, o candidato do PSdeG ao Parlamento europeo, Antolín Sánchez Presedo, asegurou na Coruña, durante un almorzo que mantivo cos medios de comunicación, que "non perigan" os fondos europeos comprometidos para as diferentes actuacións que se han desenvolver no Porto Exterior de Punta Lagosteira, indicando que se trata de "partidas garantidas e estudadas en profundidade". A isto engadiu que, para completar con éxito as obras, só é preciso "analizar os problemas de xurdan".

Por outra parte, Sánchez Presedo tamén abordou a polémica das obras do TAV en Galiza e, igual que fixo o ministro de Fomento, o ulloán Xosé Blanco, indicou que se trata dun proxecto "que estimulará" o país, e que, polo tanto, "o importante é que se faga en condicións". Tras evitar pronunciarse sobre se o TAV ha chegar a Galiza en 2012, Sánchez Presedo lembrou que o noso país conta cos "mellores valedores posíbeis para defender os seus intereses", en alusión ao propio Blanco e ao presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe.

Feijoo pide o voto en Cangas para terminar "co ciclo da mentira"
O presidente do PPdeG e máis da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañou ao presidente provincial do partido, Rafael Louzán; o presidente do PP de Cangas, José Enrique Sotelo; e o presidente do PP de Moaña, José Fervenza; nun mitin electoral no Auditorio de Cangas no que pediu que "o cambio iniciado o pasado 1 de marzo non pare o 7 de xuño". Seguindo a liña mantida esta semana, Feijoo tamén pediu o apoio do público para terminar "co ciclo da mentira sobre a crise económica, administrativa e da chegada do tren de alta velocidade a Galiza".

Unha boa parte do mitin dedicouno o presidente do PPdeG a destacar a importancia dos comicios europeos ("O 80% das leis que afectan as persoas e as empresas fanse en Estrasburgo e Bruxelas, e é importante que Galiza estea representada nos foros europeos"), e outro a criticar os seus rivais, o BNG -por ir en listaxe conxunta con ERC-, e ao PSdeG -por levar nas listas a ex ministra de Fomento, Magdalena Álvarez.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: