Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PASOU ALÍ OS VERÁNS ENTRE 1975 E 1982

Graham Greene, o monxe de Oseira

O alumnado da escola de Cea organizou un Festival Literario para lembrar o paso do escritor polo lugar e a rodaxe na comarca, hai 24 anos, dun filme protagonizado por Alec Guinness.

Redacción - 18:15 27/05/2009

En 1985 un equipo da BBC gravou en Oseira as secuencias finais dunha tv-movie baseada na novela de Graham Greene 'Monseñor Quixote', protagonizada por Alec Guinness. Na rodaxe estaba presente o propio Greene, que entre 1975 e 1982 pasaba boa parte do verán no mosteiro. Soubo de Oseira grazas ao seu amigo e confesor Leopoldo Durán, que residiu trinta anos en Inglaterra e que coñeceu ao escritor en 1972, despois de realizar a súa tese de doutoramento sobre O sacerdocio nos escritos de Graham Greene.

A iniciativa dos alumnos do Colexio Público Virxe da Saleta, en Cea, fixo nacer o Festival Literario ao redor de Graham Greene, celebrado este martes na vila ourensá. Rapazas e rapaces da escola local deseñaron, coordinaron e levaron adiante con éxito un vizoso programa de conferencias, proxeccións e roteiros polos lugares que percorreu o escritor nas súas estadías en Galiza: ademais do mosteiro de Oseira, as rúas de Mouriscados (Avión) ou o enclave de As Regadas onde Greene pasaba as tardes na compañía de Antonio Nogueiras ‘O gaiteiro das Regadas'.

Entre o 18 e o 27 de maio de 1985 o equipo de rodaxe da BBC instalouse no Carballiño, no Hotel Arenteiro, para rodar en todas estas localizacións. Na vila aínda lembran a intoxicación que sufriron técnicos e actores (incluído Alec Guinness) por comer caracois sen purgar preparados polo cociñeiro do equipo, que non sabía que tiñan herbicida. A rodaxe concluíu cunha despedida oficial por parte do Concello, que daquela gobernaba Argimiro Marnotes. Outra das curiosidades é que as tomas se enviaban a diario a Londres de onde volvían dous ou tres días despois xa reveladas, e visionábanse, sen son, no desaparecido Cine Rivas. Os traballos de filmación foron seguidos moi de perto polos fundadores do Cineclube e as Xociviga, como Miguel Anxo Fernández ou José Luis Diz, que conseguiron mesmo ser testemuñas das escenas rodadas en Oseira.

Catolicismo vs. Comunismo
Foi en Oseira onde Greene escribiu o seu Monseñor Don Quixote, un relato no que a disputa entre comunismo e catolicismo está moi presente, ao igual que noutras obras do autor. E foi no mosteiro, ademais, onde o escritor se converteu ao catolicismo. Pero a novela conta máis cousas, como afirmaba o propio Leopoldo Durán: "Monseñor Quixote é Galicia e, en certo senso, é un himno épico aos emigrantes de Avión a México".

Tamén Syd Barrett?
Non foi Graham Greene a única persoa famosa que se aloxou en Oseira nas últimas décadas. Se facemos caso á lenda, antes de se retirarse do mundo definitivamente, Syd Barrett, fundador de Pink Floyd, viaxou polo Estado Español durante dous anos. Quedou fascinado por Oseira, e ficou nunha cela do mosteiro entre setembro e decembro de 1976 e entre abril e xuño de 1977.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: