A perda da competitividade, o exceso da capacidade produtiva e a ameaza dos produtos asiáticos son as principais dificultades deste sector, que emprega a 10 mil galegos.
Entre un 15 e un 20% dos traballadores das conservas en Galiza veranse afectados pola reestruturación do sector, un proceso que é considerado inevitábel pola patronal conserveira. Porén, a Asociación de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco) asegura que estes cambios non suporán a perda de emprego, senón que serán necesarias outras medidas de renovación dos cadros de persoal. Así o explicaba Xoán Manuel Vieites, secretario xeral da entidade, quen mantivo unha xuntanza coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato: "o futuro do sector ten que pasar por prexubilacións, baixas incentivadas e recolocación do persoal".
Na actualidade adícanse ás conservas un total de 10 mil galegos, fundamentalmente mulleres, que están empregadas nas 67 empresas que operan en Galiza. Os principais problemas aos que ten que facer fronte a industria son a perda de competitividade, o exceso de capacidade produtiva, a concentración do mercado na grande distribución e a ameaza da incorporación ao mercado comunitario de produtos conserveiros do sudoeste asiático. Nesta liña, a patronal dirixiu as súas peticións á Xunta de Galiza: "pedimos que se estabelezan mecanismos para rebaixar o absentismo (que oscila entre o 6 e 18%) e medidas para mellorar a nosa competitividade", explicou Vieites.