O Frigoríficos do Morrazo gañoulle ao Realitas Guadalajara, ascendendo matematicamente á primeira liga do Estado.
O Cangas-Frigoríficos do Morrazo volveu este domingo á elite do balonmán estatal, tras gañarlle ao Realitas de Guadalajara en Navarra por 25-21. Tres anos despois do seu descanso, os de Cangas recuperan unha praza merecida na mellor liga do balonmán estatal, a Asobal, terminando unha tempada na que todos traballaron arreo por ascender.
No partido de ascenso, os do Morrazo, que terminaron a liga na quinta posición, non estiveron sós, xa que perto de medio cento de afeccionados galegos os acompañaron até o pavillón de Anaitasuna, en Pamplona. Alí xogaron un intenso encontro no que derrotaron, nunha complicada final, aos de Guadalajara. Uns e outros foron facendo quendas para ir de primeiros no marcador e no xogo, nun partido ben igualado que os de Cangas souberon poñer do seu lado nos momentos chave. Ao final, foron os cangueses os que subiron a recoller o trofeo de campións da fase de ascenso, de mans do presidente da Federación Estatal de Balonmán, Juan de Dios Román. Acababan de volver á que se coñece como a mellor liga de balonmán do mundo.
O equipo será recibido na tardiña desta segunda feira na súa vila por centos de afeccionados. O cadro de xogadores, que se desprazará en autobús dende Pamplona, ten preparada unha recepción na súa honra no concello. Xa se puxeron á venda camisolas conmemorativas do regreso á Asobal.