A tira cómica de Guitián na revista Retranka pega o salto ás librarías nun libro de seu.
Achegámoslles, íntegra, a circular enviada a amigos, compañeiros e fregueses, por Xosé Lois Fandiño, alcalde pedáneo de Matanzos:
"FITO & PITA é unha tira cómica dun tal Guitián sobre dous xubilados ( veciños da nosa municipalidade ) embarcados nunha espiral de augardente, festa rachada, drogaína, sexo na palleira, colesterol, vicio e vida disoluta. Estas tiras embrutecedoras (que nunca lería a xente de ben) veñen publicándose na revista galega Retranca e agora recóllense nun libro de alto contido explícito que desde aquí evitamos recomendar. Non obstante, se a vostede lle puidera interesar tan ignominiosa publicación, saiba que se pon á venda o 1 de Xuño en librarías e tendas de BD galegas, e por riba será presentada alén das nosas fronteiras ( para bochorno da nosa Galeguidade ) no vindeiro Saló del Cómic de Barcelona".