O PSdeG acusa a Feijoo de estar "paralizado" ante este "escándalo". De paso, cualifica as novas delegacións de "comisarios políticos que afastan o servizo dos cidadáns".
"Non comprendo se é que Rueda non se decata do que realmente sucede arredor do delegado da Xunta en Ourense ou é que nos quere tomar o pelo a todos", quéixase a deputada socialista Laura Seara. Recorda Seara que o delegado, Roxelio Martínez, terá que declarar este luns 25 pola mañá no xulgado de Instrución de Ribadavia por "falsidade documental e fraude na obtención de subvencións". Ao respecto, preguntouse a deputada ourensá se Feijoo seguirá apoiando a Martínez, a quen a socialista definiu coma "o Campos do Ribeiro", en referencia ao proceso xudicial no que está implicado o presidente do goberno da Comunidade Valenciana.
"É incomprensíbel que os populares asuman como habitual que se incorra en fraude na utilización dos fondos públicos, neste caso ao afirmar que prácticas como as feitas por Roxelio Martinez ocorren entre o 3% e o 5% dos casos", quéixase Seara. " Estamos ante un serio caso de corrupción", afirmou a ourensá pedindo que "a malversación non se xustifique, nin se lle de carta branca, xa que todo na política ten uns límites que non se deben traspasar".
Por outro lado, a portavoz da Comisión Executiva Nacional do PSdeG e viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas, Mar Barcón, referiuse tamén este xoves aos 'superdelegados' nomeados pola Xunta para cualificalos de "comisarios políticos". "Feijoo enfronta as cidades, afasta o servizo público e a administración e confunde os cidadáns, que xa non saben a quen dirixirse", reprochou Barcón, "o Goberno non pode seguir xerando problemas e confusións aos cidadáns, debe tomar decisións e non xogar coa lingua ou coas cidades para xerar conflitos entre os galegos".