O documento de 53 páxinas contempla que os países máis ricos acheguen o 2% do seu PIB para axudar aos pobres a tomar medidas contra o quencemento global.
A ONU alerta que, malia a crise económica, os efectos do cambio climático seguen a notarse no planeta
Quedan menos de 200 días para o cumio de Copenhague e a situación económica global está a frear a toma de decisións por parte dos gobernos na loita contra o cambio climático. Así as cousas, o xefe do Secretariado do Cambio Climático das Nacións Unidas, Yvo de Boer, presentou as propostas para o tratado que substituirá ao de Quioto, ao tempo que alertou de que, malia a crise, o deterioro do ambiente non se detén.
O documento consta de 53 páxinas, que serán a base de todas as discusións e debates de Copenhague. No seu argumentario, destaca a proposta de que os países ricos acheguen o 2% do seu Produto Interior Bruto (PIB) para axudar aos máis pobres a adaptarse á loita contra o quencemento global e as súas consecuencias, como as secas ou o aumento da intensidade das treboadas.
Ademais, tamén recolle suxestións para rebaixar as emisións de gases invernadoiro en países en desenvolvemento como a India e China, así como formas de avaliar o seu cumprimento. Ao tempo, tamén se sumaron ideas para promover un uso máis amplo dos mercados de carbono ou formas de protexer as selvas, que absorben o dióxido de carbono.