Prevé a integración en rede de todos os graos de ensino da lingua portuguesa e a concesión de maior autonomía financeira.
O Instituto Camões conta cunha sede en Vigo
O goberno portugués tomou a decisión de reestruturar o Instituto Camões, unha iniciativa que foi presentada polos ministros de Estado e dos Negocios Estranxeiros, Luís Amado, e de Cultura, Pito Ribeiro. Segundo explicaron este proxecto de reforma, que tamén afectará ao centro que o Instituto posúe en Vigo, obedece a tres obxectivos. O primeiro deles é o de "valorizar e afirmar o papel da lingua portuguesa no mundo, tendo unha vocación universal".
O segundo é o de integrar as redes de ensino de portugués no estranxeiro "de forma máis eficaz". Segundo explicou Amado, o Instituto Camões tiña, até o de agora, só a responsabilidade da tutela e da xestión da rede de Ensino Superior e dos lectorados, mentres que "existía un conxunto de institucións de promoción do ensino do portugués que tiñan a súa tutela no Ministerio de Educación". O ministro explica que con esta integración prevista, "aproveitaranse mellor os recursos e darase unha nova racionalidade estratexia á política da lingua no estranxeiro".
O terceiro dos propósitos que se marcan con esta reforma é a ampliación da autonomía financeira do Instituto. "Poderá evolucionar cara un modelo de xestión máis ambicioso na captación de recursos e de receitas propias", defendeu Amado. Ao tempo, Ribeiro subliñou que este será "un paso importante para a afirmación da lingua portuguesa no mundo" e asegurou que "a lingua só pode ser defendida en función da comprensión de que existen 250 millóns de falantes de portugués".
Así recollen a información os xornais portugueses: