Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Europeas2009

PSOE e PP abren campaña en Santiago e o BNG na Coruña

Desde a medianoite do xoves cara ao venres, as formacións políticas estarán en campaña cara ás eleccións europeas do próximo 7 de xuño.

Europa Press - 14:00 21/05/2009

Arrinca a campaña para as eleccións europeas do 7 de xuño cunha pegada virtual de carteis que PP e PSOE realizarán en Santiago de Compostela. Pola súa banda, o BNG, que tamén fará unha pegada virtual, elixiu A Coruña para iniciar a carreira electoral cara á Eurocámara.

Neste escenario, o líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acudirá á tradicional pegada de carteis, que acollerá o compostelán Hotel Pazo do Carme. Segundo confirmaron fontes do partido, no acto intervirán tamén os candidatos populares aos comicios Carmen Fraga e Francisco Millán Mon, así como o voceiro do PP de Santiago, Xerardo Conde Roa.

Coa vitoria do 1 de marzo como pano de fondo, este acto servirálles aos populares como exercicio de quecemento para o grande mitin que terá lugar ao día seguinte na cidade de Ourense, no que participarán o presidente do PP, Mariano Rajoy, e o cabeza de lista do PP ás europeas, Jaime Mayor Oreja.

Baixo o lema 'Agora Solucións', os populares prevén realizar uns 500 actos electorais nas catro provincias galegas ao longo de toda a campaña electoral. Están previstos importantes actos sectoriais en materia de Pesca e Agricultura, áreas de peso en Galiza e cun grande protagonismo no Parlamento Europeo.

Neste sentido, as provincias de Lugo e Ourense terán "unha atención prioritaria" na campaña, aínda que os populares non van desatender "ningunha zona do territorio galego", potenciando tamén numerosos actos nas principais cidades. Núñez Feijoo participará activamente na campaña, "pero sen esquecer que se debe a Galiza como presidente da Xunta", apuntan os populares.

PSOE
Pola súa banda, o PSdeG realizará a tradicional pegada de carteis no Hotel Araguaney, situado no centro da capital. Alí, segundo informaron a Europa Press fontes do partido, celebrarase un acto "moi dixital, moi tecnolóxico" e no que esperan congregar uns 300 asistentes dende as 23.00 horas.

Neste escenario, terá lugar a intervención do candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Antolín Sánchez Presedo, quen estará arroupado polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, xunto coa plana maior do partido. En calquera caso, o PSdeG tamén programou pegadas de carteis "ao uso tradicional" no resto das cidades e noutros municipios máis pequenos, como Fene. Para os socialistas, a apertura da campaña constitúe un acto "moi ilusionante" polo que ten de "achegamento aos cidadáns". O PSdeG anuncia que porá en marcha unha campaña "moi de rúa" en todas as bisbarras co fin de incentivar a participación nos comicios europeos despois de "concienciar" os galegos da "importancia" desta cita.

Así, combinarán os "grandes mitins" con "figuras de primeira liña" con actos destinados a un auditorio "moito máis pequeno". Na campaña participarán activamente os dirixentes socialistas galegos e tamén os estatais. De feito, o líder estatal do PSOE e presidente do executivo español, José Luis Rodríguez Zapatero, desprazarase a Ferrol o próximo 29 de maio.

BNG
Os nacionalistas abrirán no Pazo de Exposicións d'A Coruña (Palexco) nun acto no que intervirán o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, e a candidata 'número un' do BNG Ana Miranda. Unha das novidades da apertura de campaña será unha videoconferencia que a cabeza de cartel do BNG prevé manter cos emigrantes galegos en Uruguai. O resto da posta en escena, os nacionalistas esperarán á media noite para desvelala.

O Bloque, que pechará a carreira cara ás urnas en Vigo, estima que congregará varios centos de persoas no pazo coruñés para o arranque dunha campaña o obxectivo da cal, para os nacionalistas, é "devolverlle a voz a Galiza en Europa". O BNG percorrerá "todo o país", baixo o lema 'Imos a Europa, vés?', co fin de lograr o "máximo" apoio á Coalición Europa de los Pueblos-Verdes, na que a candidata do Bloque, Ana Miranda, ocupa o segundo posto. Desta forma, levará a cabo unha "intensa" campaña, porque o BNG é a "única alternativa" para que Galiza teña "voz propia" en Europa, reivindican os nacionalistas e acudirá ás principais cidades na última semana, como é tradicional.   Malia ir en coalición, os nacionalistas xogarán o seu "propio" papel e emprenderán unha campaña específica en Galiza para intentar contrarrestar o intento de PSOE e PP de "bipolarizar" os comicios. Os sectores produtivos e o recoñecemento de Galiza como "nación sen estado" constitúen algúns dos aspectos que reivindicará o Bloque.


3,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: