A mobilización, á que se sumou un milleiro de comités de empresa, suscita expectación polas confrontacións políticas co novo executivo socialista.
Os sindicatos nacionalistas vascos, con LAB á fronte, convocaron para esta quinta feira unha folga xeral. Con esta mobilización queren deixar patente que os traballadores han responder con contundencia á crise económica, criticando, ao tempo, o aumento do número de desempregados. Nesta liña, teñen como principais reivindicacións un traballo digno para todos, o reparto da riqueza, a democratización da economía e o dereito a decidir. Porén, alén dos motivos laborais, este paro ten tamén un compoñente político claro, porque se trata da primeira gran mobilización abertzale á que deberá enfrontarse o novo goberno socialista de Patxi López.
A folga, convocada polos sindicatos ELE, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE e Hiru, recibiu o apoio de ducias de entidades e organizacións, e de perto dun milleiro de comités de empresa de todos os ámbitos, como por exemplo os de varios concellos, da televisión pública vasca, do Euskotren ou do Metro de Bilbao, entre outros. O Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi (TSJPV) denegou esta cuarta feira a suspensión cautelar da orde de servizos mínimos, solicitada polos sindicados, ao consideralos "abusivos" e "limitadores do dereito fundamental de folga".
A noticia nos medios de comunicación de Euskadi: