Saíron en marcha dende os centros de traballo xuntáronse na Praza América, despois de ocupar varias sucursais bancarias na rúa Colón.
Miles de traballadores do metal da circunscrición provincial de Pontevedra saíron este mércores ás rúas viguesas para reclamar a firma dun novo convenio colectivo. Ás 10 da mañá os folguistas saíron dende as súas respectivas zonas de traballo en varias marchas que remataron xuntándose na Praza América. Antes os traballadores do naval concorreron na rúa Colón e, ademais de cortar o tráfico, ocuparon os catro bancos que teñen alí a súa sede durante máis de media hora.
Unha vez que se uniron todos os manifestantes na Praza América celebrouse unha asemblea conxunta na que interviron representantes dos tres sindicatos que convocaban a folga: UXT, CC.OO e CIG. Alí decidiuse continuar coa manifestación e cortar varias das principais vías de comunicación da cidade.
Así, ademais de cortar o tráfico nesta praza, tamén o fixeron nas Travesas, en varios puntos da circumbalación e na entrada da avenida en que está a planta de Citröen. Esta tarde continuaron as reunións dos diferentes sindicatos e o traballo dos piquetes polas fábricas para mobilizar aos traballadores de cara ao segundo día de folga xeral no sector do metal pontevedrés, que terá lugar este xoves. Os sindicatos coinciden en cualificar de positiva a xornada de folga.