Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Avogan pola redución do consumo

Grupos ecoloxistas critican a aposta da Xunta pola reciclaxe e a incineración

A FEG e Amigos da Terra pediron o peche de Sogama e propuxeron descentralizar a xestión de residuos.

Redacción - 09:00 20/05/2009
Lixo no Flickr de daquellamanera

Lixo no Flickr de daquellamanera

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a asociación para la defensa medioambiental Amigos da Terra criticaron esta terza feira a aposta do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, pola reciclaxe e a incineración, ante o incremento de residuos, ao tempo que avogaron por fomentar a "redución" do consumo.

Ámbalas dúas asociacións amosaron a súa "preocupación" polas declaracións do responsábel do medio, quen defendeu que Sogama "foi un xeito eficaz e ambientalmente correcto de tratar residuos sólidos urbanos". Fronte a isto, describiron a planta de Cerceda (Ordes) como "ineficaz" e "ambientalmente intolerábel", e sinalaron que este modelo, implantado polo PPdeG e continuado polo bipartito, é "un dos maiores erros cometidos na política de residuos". Para xustificar as súas críticas, referiron que a Directiva Marco de Residuos da Unión Europea estabelece unha xerarquía de xestión que pasa, en primeiro lugar, pola redución, a reutilización e a reciclaxe; por riba doutras opcións como a incineración e o vertido.

Polo peche de Sogama
Para solucionar estes problemas, dende Amigos da Terra avogaron pola descentralización na xestión de residuos, especialmente no caso dos orgánicos, a través da compostaxe, co obxectivo de reducir o volume de residuos ao 50%. Como "segunda opción", sinalaron a implantación de sistemas de devolución e retorno de envases.

Polo seu lado, a FEG sinalou que Sogama non é máis que "un vertedoiro incontrolado con máis de dous millóns de toneladas de lixo, una liña de reciclaxe que non chega a recuperar o 10% dos residuos tratados, e un furado negro onde se acumulan toneladas de refugallos farmacéuticos". Nesta liña, sinalaron que han "seguir traballando para que feche", e por "un modelo sustentábel de consumo e xestión".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: