A caída na Bolsa foi causada polas expectativas dos analistas, que lle auguraron á multinacional galega uns pequenos resultados no primeiro trimestre do ano.
As accións de Inditex baixaron esta segunda feira un 2,11% na Bolsa, ante as baixas expectativas dos analistas sobre os resultados do primeiro trimestre do exercicio fiscal da empresa téxtil -entre o 1 de febreiro e o 30 de abril-, que estiman que serán "os máis frouxos" do ano, cun crecemento das vendas inferior ao 7%.
Analistas de Fortis consultados destacaron que o grupo galego, que presentará resultados o vindeiro 10 de xuño, hase enfrontar aos datos máis baixos do presente exercicio fiscal pola "complicada" conxuntura actual". "O crecemento das vendas estará por baixo do 7%", estimaron as mesmas fontes, que apuntaron que a compañía xa anunciara que ha concentrar a maior parte das súas aperturas no segundo semestre do ano. A xuízo de Fortis, o nomeamento de Ignacio Fernández, até o de agora director do departamento de Asesoría Fiscal, como novo director xeral de Finanzas do grupo téxtil, tamén pode influír no comportamento do valor, aínda que no caso de Inditex o peso específico da compañía recae sobre o vicepresidente e conselleiro delegado, Pablo Isla.
Pola súa banda, o analista de Renda 4 Iván San Félix coincidiu en que os resultados dos tres primeiros meses seguirán reflectindo "moderación" no crecemento, en liña coa tendencia dos últimos trimestres. San Félix tamén considerou que o comportamento da compañía que preside Amancio Ortega é "relativamente bo para o mal que está o mercado".
Porén, malia a baixada rexistrada na sesión da segunda feira, a maior do Ibex, as accións de Inditex mantiveron unha liña ascendente e revalorizáronse un 14% dende a presentación dos resultados do último exercicio o pasado 25 de marzo.