Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O FILME DE DOBAO ESTRÉASE EN FERROL

Primeira xuntanza de 'O Club da Calceta'

O Teatro Jofre acolle o mércores a preestrea da tv-movie baseada na novela de María Reimóndez.

Redacción - 10:45 19/05/2009

'O club da calceta' regresa a Ferrol, onde foi filmada hai uns meses, para a súa estrea. Será o mércores 20 no Teatro Jofre a partir das oito e media da tarde. A adaptación que Antón Dobao realiza da novela de María Reimóndez supón un novo chanzo do proxecto 'Un mundo de historias, unha iniciativa creada e dirixida polo propio Dobao en 1999 para adaptar para o audiovisual textos da nosa literatura.

O filme, que foi recoñecido como mellor película no Famafest 2009, conta a historia de cinco mulleres de diferente condición, idade e orixe social con vidas inzadas de conflitos e frustracións. Este desacougo vital condúceas, case por casualidade, a un lugar común no que as súas historias acabarán confluíndo: un curso de calceta. As protagonistas foron encarnadas por actrices galegas de recoñecida valía: María Vázquez, Sonia Castelo, Mela Casal, Susana Dans, Antela Cid e Camila Bossa, e completaron o elenco algunhas das figuras referentes do audiovisual catalán, como Kátia Klein ou Inma Colomer.

Antón Dobao contaba nunha entrevista en Vieiros que no filme "quixen entrar nesas vidas, e ver qué cousas eran as que atrancaban as posibilidades dun vivir normal, e ver como esas mulleres necesitan socializarse nun ámbito, para atopar sentido a esas experiencias e reflexionar sobre a súa condición, trazar camiños e andalos. Nunca sabemos cando falamos de condicionamentos humanos e cando de condicionamentos sociais ou políticos".

Hai case tres anos, na presentación da súa novela en Compostela, María Reimóndez afirmou que o problema da sociedade de hoxe, tanto para mulleres como para homes, é a xestión do tempo: ir ao clube de calceta supón un esforzo, pero tamén unha vía de escape para mulleres que non teñen un intre de seu na súa vida. "Hai un momento no que Matilde, unha das protagonistas da novela, quere imaxinar o seu xersei e non dá: " Matilde, iso de imaxinar non o practicou moito." Non temos a posibilidade de imaxinar, de termos vagar e o cuarto de noso". Nesa mesma presentación María do Cebreiro definía o libro como unha novela de ideas, feminista, dende logo, pero na que os personaxes non son estereotipos ao servizo dun dogma. Sinalou a necesidade dun feminismo distanciado dos tópicos, "crítico tamén co propio feminismo. María recorre moito á ironía para ver como, moitas veces, eses grandes discursos sobre "a muller", en abstracto, quedan reducidos a nada.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: