O equipo celeste caeu en Zaragoza (3-0) e queda a catro puntos do descenso, a cinco xornadas do final da Liga. En balonmán, o Teucro dixo adeus á división de honra.
O Celta segue sen asegurar a permanencia, despois de que este sábado caese con claridade en Zaragoza, por 3 goles a cero. O equipo vigués encaixou dous goles en dous minutos (19 e 21) e xa non foi quen de remontar o encontro. Despois do empate do Alavés, o Celta fica a catro puntos do descenso, cando aínda quedan cinco xornadas para concluír a tempada.
Peor sorte ten o Teucro, que esta fin de semana perdeu a categoría, ao caer en Barcelona por un contundente 39-25. Os pontevedreses non aproveitaron a vitoria do Octavio Pilotes Posada, que superou ao Alcobendas (21-22), o rival do Teucro pola permanencia.