Carlos Blanco, Nando Casal ou Marilar Aleixandre, entre os persoeiros de diversos ámbitos que amosaron o seu apoio á marcha do vindeiro día 17. Vídeo no interior.
"O galego, a nosa columna vertebral" é o lema escollido para este ano
Os apoios chegados á Mesa pola Normalización Lingüística, así como as adhesións ao seu "Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego", fan presupoñer que a manifestación das Letras deste ano será histórica. Con todo, o presidente desta organización, Carlos Callón, non quixo adiantar cifras, se ben reiterou o obxectivo é superar a participación do ano pasado, que se considera a maior de toda a etapa autonómica con 25 mil persoas. Iso si, xa confirmou que "non vai vir xente de fora de Galiza en autobuses", en referencia á última manifestación de Galicia Bilingüe.
Na última das comparecencias públicas antes do gran día, Callón estivo arroupado por diferentes persoeiros do mundo cultural galego, quen quixeron facer patente o seu apoio á manifestación. Actores como Pepe Penabade, Carlos Blanco ou Federico Pérez; músicos como Mero, Tonhito de Poi, Nando Casal ou Vituco dos Ruxe Ruxe; escritores, poetas e profesionais vencellados ao ensino, como Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Ramón Latas, fixeron explícito o seu rexeitamento ao que consideran unha "involución en materia de dereitos lingüísticos".
Neste sentido se manifestou, por exemplo, Latas quen foi moi crítico co novo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijoo: "como pode dicir que agora se lle devolverán os dereitos civís aos alumnos? E que até o de agora lle foron usurpados eses dereitos?", dixo, "se quere espírito de consenso, deberá rectificar declaracións coma esta". Na mesma liña se expresaron Marta Dacosta ou Marilar Aleixandre: "fálase de consenso, mais o consenso xa o tiñamos", dixeron. Finalmente, Carlos Blanco deu lectura ao manifesto que pechará a manifestación do vindeiro domingo, o mesmo que suma sinaturas dende a páxina web da Mesa. Xa para Vieiros lamentou ter que volver a superados debates como o do topónimo coruñés: "xa só nos falta volver falar de Puenteareas", dixo ao tempo que subliñou que "non podemos dar pasos atrás, senón avanzar na convivencia".
Vídeo: Monti Castiñeira, Marilar Aleixandre, Carlos Blanco e Marta Dacosta dan os seus motivos para acudir á manifestación do vindeiro domingo