O alcalde do PP expulsou os edís do BNG do pleno logo de afeárenlle "os desorbitados salarios" que fixou para o equipo de goberno.
Faro carnotán
"Van pola pasta municipal de xeito descarado", opina o voceiro do BNG no Concello de Carnota, Tomás Freire, á luz das contas deseñadas polo PP local e aprobadas recentemente en solitario. O rexedor popular, Xosé Oreiro, que á volta dos comicios municipais anunciara que renunciaría ao salario, orzamentou agora un soldo de algo máis de 51 mil euros, incrementando significativamente a suma de 38 mil euros percibida polo rexedor durante o anterior goberno.
Á beira, o actual equipo de goberno estabeleceu até tres adicacións exclusivas máis para a primeira e segunda tenencia de alcaldía e para unha asesoría municipal cualificada pola oposición de "comisaria política". En total, máis de 145 mil euros para estes catro postos dos que se cadra poderá aforrarse o soldo da tenente alcalde Soledad Piñeiro Martínez, xa que as renuncias no grupo parlamentario do PPdeG para ocupar cargos no Goberno lévana a ocupar un escano na Cámara. Os nacionalistas cualifican de "desorbitadas" as cantidades para un concello pequeno como é o de Carnota e recordan que o Concello fixou tamén significativos aumentos para outros empregados municipais, algún dos cales vinculan familiarmente co propio PP.
O alcalde expulsa do pleno os concelleiros do BNG
"Un concello coma Carnota non pode permitirse custear 145 mil euros anuais a catro políticos do PP, é financeiramente suicida e mesmo obsceno para todos os veciños con dificultades para chegar a fin de mes", critica o Bloque local. "Será legal que se poñan o soldo que queiran, pero desde logo é indigno", denuncia Tomás Freire.
Quéixase ademais Freire de que o PP tratou de introducir o incremento dos soldos "ás caladas" e sen informar aos veciños. Así, a divulgación polas parroquias dun documento onde o BNG denuncia a operación, abriu un duro enfrontamento no pleno, onde o rexedor negoulle a palabra aos nacionalistas e rematou expulsándoos. "Até que se cumpra a nosa demanda imos seguir informando a veciñanza sobre a cuestión dos salarios abusivos", advirten, "forma parte do noso compromiso ineludíbel cos veciños de Carnota, que hai dous anos que decidiron democraticamente que nós debíamos liderar a oposición". O PP goberno Carnota con maioría absoluta, 7 concelleiros, por 3 do BNG, que obtivo en 2007 o 26% dos votos, un chisco máis que o PSOE, 24% e tamén 3 asentos.