Planck estudará o fondo cósmico de microondas, mentres que Herschel converterase no telescopio meirande arredor da Terra.
Representación da expansión do Universo
Este xoves lánzanse ao espazo dous novos telescopios, o Planck e o Herschel, da Axencia Espacial Europea (ESA). As ferramentas servirán para avanzar no coñecemento da historia e da composición do Universo. Un foguete Ariane 5 será o encargado de poñerlos en órbita dende a base de lanzamento da Guaiana Francesa.
Planck será o primeiro observatorio espacial europeo que estudará o fondo cósmico de microondas, a radiación residual do Big Bang que se produciu hai 14 mil millóns de anos e que resulta ser o obxecto máis afastado no tempo e no espazo que se pode estudar.
A outra parte do lanzamento é Herschel, o meirande e máis potente telescopio infravermello posto no espazo. Estudará a orixe e a evolución das estrelas e das galaxias e axudará a entender como evolucionou o Universo. Así mesmo, analizará a química molecular de planetas, cometas e satélites do Sistema Solar.
Pero os dous obxectos espaciais non comezarán a funcionar até dentro de dous meses, cando acaden unha órbita a 1,5 millóns de quilómetros de distancia da Terra, catro veces a distancia á Lúa. Orbitarán arredor do segundo punto de Lagrange, un lugar de equilibrio orbital.
O programa da ESA vén sendo unha continuación dos satélites COBE (1992) e WMAP (2003) da NASA, que marcaron fitos no estudo da radiación cósmica. Planck ten 10 veces máis sensibilidade ca os seus antecesores, o dobre de resolución espacial e sete veces maior rango de frecuencia. Durante dous anos cubrirá o ceo completo dúas veces.