Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
LOITA POLO ASCENSO A 2ª B

Acabouse a leria e comeza a lea de verdade na Terceira Galega

Compostela, Montañeros, Ourense e Cerceda teñen asegurada a súa clasificación para as eliminatorias de ascenso cando aínda queda unha xornada de liga regular.

Pablo García Martínez - 11:15 17/05/2009

Os catro primeiros clasificados da Terceira galega xogarán esta fin de semana un partido de trámite antes de comezar a disputa dunha liguiña na que participarán 45 equipos loitando por 18 prazas. Hai semanas que o Compostela é xa o campión matematicamente e agora xa sabe cales serán os seus tres acompañantes: Montañeros, Ourense e Cerceda. O vindeiro luns celebrarase na sede da federación estatal o sorteo para que estes catro equipos coñezan os seus rivais.

A rolda eliminatoria comeza cos enfrontamentos entre os primeiros dos 18 grupos, dos que sairán nove clasificados de xeito directo para a 2ªb. Paralelamente realizaranse enfrontamentos directos entre os 18 segundos e 18 cuartos clasificados (dos que quedarán eliminados a metade) e entre os 18 terceiros. Destes primeiros cruces sairá un grupo de 36 equipos que deberán superar dúas roldas até que só queden os outros nove agraciados co ascenso.

Aumento das exixencias económicas
Agora quédanlles por diante unhas difíciles eliminatorias aos equipos galegos, mais a loita máis dura pódese dar no caso de lograr o obxectivo. O ascenso á Segunda B supón a chegada ao profesionalismo co que isto conleva nun mundo do fútbol que cada vez está máis asfixiado polos problemas económicos. Malia que os ingresos dos equipos aumentan, tamén o fan os gastos, como por exemplo os adicados a pagar as arbitraxes que se multiplican por tres (pasan de 500 a 1.500).

Ademais o salario medio que reciben os xogadores aumenta considerabelmente nesta división, e tamén os desprazamentos. Neste sentido durante esta tempada os equipos galegos xogaron cos do norte do estado, mais outros anos tivéronse que desprazarse a xogar cos canarios e madrileños, supoñendo isto un aumento considerábel do gasto por viaxes. Así chegan á liga de ascenso os catro equipos:

Compostela
O equipo que adestra Xesús Baleato conseguiu o campionato de xeito matemático hai xa varias semanas e dende entón baixou o seu ritmo, quizais gardando forzas para as eliminatorias. Actualmente teñen a sensíbel baixa do mediocampista Petter, que podería chegar ás eliminatorias no caso de que o equipo non se clasificara na primeira eliminatoria. A nivel económico a entidade vén de estar ao bordo da desaparición pero despois de superar un período concursal este ano medrou deportivamente, sen ataduras económicas. Nos últimos meses estase atrasando nos pagos e os xogadores teñen algunha nómina por cobrar. Aínda así José María Caneda, presidente da entidade, afirma que "o Compostela non vai ter ningún problema para manterse economicamente en Segunda B".

Montañeros
O equipo coruñés nace do crecemento dun equipo baseado nas categorías inferiores que foi medrando progresivamente e subindo practicamente unha categoría cada ano. A nivel económico baseouse en inversións coherentes e, malia que o seu presidente Fausto Vázquez Seoane dixo que non van renunciar á praza de ascenso, o Montañeros non planea facer unha grande inversión no caso de subir. Vázquez Seoane aposta por disolver a 2ª b para crear dous grupos de Segunda, e converter a Terceira nunha competición por zonas, semellante ao modelo dos xuvenís de División de Honra.

Ourense
O Ourense está vivindo unha situación delicada despois de ter que someterse á lei concursal e atópase xa na última fase deste proceso. Tal e como nos conta o xestor, Raúl Rois, "non estamos para alegrías e estamos recortando en todo tipo de gastos, pero si seguimos así en dous anos isto pode estar solucinado". Cando lle preguntamos se se considera renunciar á praza Rois descarta dun xeito taxante esta hipótese.

Cerceda
O Cerceda, equipo que preside Xosé Antonio Silveira Sánchez, foi o último en acadar o billete para a loita polo ascenso. É todo un clásico da categoría que, tal e como nos comentou o seu máximo mandatario tampouco vai renunciar ao ascenso se finalmente o consegue.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: