Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AXENDA DE ACTOS AO REDOR DO 17 DE MAIO

As citas das Letras

Canda ás celebracións institucionais, en Láncara, destaca a Revolta das Letras que o sábado sacará a poesía ás rúas de Compostela.

Redacción - 08:00 14/05/2009

Vigo, dende o 14 de maio
A Fundación Penzol recupera o famoso gabinete da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, na sede da Casa Galega da Cultura de Vigo, na Praza da Princesa. Trátase dunha recreación, promovida polos equipos da propia Fundación Penzol, coordinados por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé Soutullo, con escenografía de Rodrigo Roel, na que se recuperan as estanterías, anaqueis, mesa braseiro, cadros, libros e mobiliario que pertenceron no seu día a Ramón Piñeiro.

Lugo, a partir do 15 de maio
Comisariada polos profesores Henrique Monteagudo e Carlos Fernández, a exposición Ramón Piñeiro (1915-1990). Olladas no futuro inaugurarase o próximo día 15, venres, na sala de exposicións do Centro Social Uxío Novoneira en Lugo. A exposición viaxará despois polas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, onde cerrará o ano. Dous meses en cada cidade. En 18 paneis, e arredor dunha recreación escenográfica da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, como símbolo dunha época, faise un percorrido pola vida e obra do galeguista de Láncara, así como polos principais acontecementos da Galicia do século XX.

Sestao, do 15 ao 17 de maio
O día 15, a partir das sete e media da tarde, inauguración da XXV Semana Cultural e da Feira do Polbo. Nos días seguintes haberá conferencias, campionatos de chave, actuacións folclóricas, e o concerto do grupo Avelaíña.

Compostela, sábado 16 de maio
Ao longo da xornada do sábado 16 de maio, co gallo da celebración do día das Letras, un intenso programa de actividades culturais e literarias invadirá rúas, prazas e espazos da cultura de Compostela. É 'A Resaca das Letras', pola que pasarán Antón Lopo e Oriana Méndez, que recitarán no Zara da praza de Galicia ás 12; Ana Romaní, Claudia Pato e Pilar Beiro, no estanque dos patos da Alameda ás 12.30 horas; Estevo Creus, no Froiz da praza do Toural á unha; e Xiana Arias e O Leo na Praza de Cervantes ás 13.30 horas.

Pola tarde, na Quintana, haberá actividades dirixidas a todos os públicos que se han desenvolver de 16.30 ás 21.00 horas; na mesma praza montarase un set de gravación audiovisual para a realización dun Cadáver exquisito, que comezará cun verso de Chus Pato. De 16 a 21 horas, na praza do Toural, desenvolverase a Arte na rúa, unha actividade dirixida polos artistas Antón Caamaño e Edita Rodríguez cunha acción-intervención. Unha das actividades centrais da Revolta das Letras, leva por nome Turismo mental por Santiago de Compostela, unha visita guiada por Quico Cadaval; no roteiro participarán Monicreques de Kukas, Paulina Ceremuzynska, Paco Macías, Lois Rodríguez, Charo Barba, Víctor Ferreira, Antón Dobao e Margarita Ledo. A partir das dez e media da noite, na praza de Abastos, Curtocircuíto proxectará algunhas das curtametraxes máis salientábeis do cinema galego contemporáneo.

Bos Aires, 16 de maio
A Federación de Sociedades Galegas de Arxentina repasará a obra e vida de Ramón Piñeiro na súa sede de San Telmo, en Bos Aires, nun acto moderado polo historiador Ruy Gonzalo Farías. Intervirán o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Área; e o escritor Antonio Pérez Prado, autor do libro Los Gallegos y Buenos Aires. A partir das oito da tarde celebrarase o acto conmemorativo do Día das Letras no Salón Arturo Cuadrado.

Compostela, 16 de maio
A festa do 17 (que se fai o 16), comezará ao mediodía na Praza do Toural cunha concentración baixo o lema 'A RAG é um fraude, por um dia das letras popular'. Entre o resto dos actos programados para este día destacan os concertos que a partir das oito da tarde comezarán na Alameda, coa actuación de Magnifique Band de Homes sen Medo, Quempalhou, The Royalties e Projecto Mourente.

Ferrol, 16 de maio
O Centro Social Artábria celebrará o sábado o Día das Letras cun concerto de Kogito. Comezará ás dez da noite e a entrada terá un custe de 4 euros (3 para socios).

Pontevedra, 16 de maio
O Centro Social A Revira organiza actividades durante todo o día nas rúas da cidade, principalmente na Praza do Teucro, destacando entre os actos programados a lectura do manifesto 'Galego sempre máis' (13.45) e un recital poético que comezará ás catro da tarde. A partir das oito, no Recinto Feiral, haberá un 'Concerto pola lingua', no que participarán As ceboletas eléctricas, Som do Galpom, Ataque Escampe e Skárnio.

Láncara, 17 de maio
Ás 12 horas, Sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega coa intervención de Ramón Villares,Víctor Freixanes e Andrés Torres Queiruga, pechando o acto o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro. Ás cinco da tarde realizarase unha ofrenda floral diante do busto de Ramón Piñeiro en Carracedo.

Barcelona, 17 de maio
A Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (FEGALCAT) celebrarán no auditorio de Cornellá a novena edición del Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Catalunya.

Compostela, 17 de maio
A partir das 12 do mediodía partirá da Alameda a tradicional manifestación do Día das Letras en defensa da lingua galega, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística e apoiada por centos de colectivos. A marcha finalizará na Praza da Quintana e nela agárdase unha participación histórica.

A Coruña, 17 de maio
A partir das oito da tarde, o Centro Social das Atochas organiza un conxunto de actos relacionados coas Letras, baixo o título de 'Arredor de si: Fronte á inmersión no silencio'. A xornada comezará ás cinco e media da tarde cunha palestra titulada 'A banda deseñada galega: a experiencia de Polaqia'. A seguir, Iago Martínez e Alexandre Cancelo falarán sobre o documental 'Contra a morte: Lois Pereiro', e amosarán en exclusiva as primeiras imaxes sobre o traballo que están realizando sobre o poeta de Monforte. A partir das oito da tarde, e despois dunha palestra sobre a celebración das Letras e a figura de Ramón Piñeiro ('Ramón Piñeiro, o frautista de Hamelin') haberá un recital poético coa participación de Xiana Arias, Ana Cibeira, Daniel Salgado e Ramiro Vidal Alvarinho.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: